O Coordinador Xeral e a Secretaria de Organización da formación integrada no BNG saen ao paso dunha información publicada por El Correo.
Aymerich e Táboas, na presentación de Máis BNG
"A totalidade da información publicada non responde á realidade e son un cúmulo de mentiras e insidias mesmo difíciles de crer". Así comeza o comunicado asinado conxuntamente por Carlos Aymerich e Teresa Táboas, respectivamente, Coordenador Xeral e Secretaria de Organización da formación +Galiza, integrada no BNG, en resposta a unha información publicada por El Correo Gallego esta semana.
Expoñen ademais que "nin Carlos Aymerich nin Teresa Táboas representan dúas posicións diferentes e diferenciadas en +Galiza, e que tampouco existen grupos ou grupúsculos dentro da nosa corrente". Engade o comunicado que non existe ningún grupo de militantes de +Galiza que se poda cualificar de críticos "nin se ten expresado ningunha liña diferente á marcada polos órganos de dirección nacional, nos que todos os acordos foron adoptados por unanimidade".
"A fonte informativa da nova non representa a +Galiza, e o contido do artigo responde á intención de prexudicar ao avanzo que está a experimentar +Galiza no seo do BNG, tal e como se ten demostrado recentemente na vitoria de Santiago Domínguez e os compañeiros e compañeiras de +Galiza de Vigo", continua o texto que remata afirmando que "cada vez resulta máis evidente que o avance de +Galiza incomoda a aqueles sectores que, dentro e fóra do BNG, prefiren manter ao nacionalismo ancorado na interinaxe e na repetición de vellas consignas". "Pese a quen lle pese seguiremos a traballar por un nacionalismo de esquerda aberto e integrador (...) para que o BNG se convirta na grande organización nacionalista e transformadora que Galiza precisa", remata.