A expresión 'É a hora' en tres das once linguas oficiais do país, é lema dunha cita deportiva que comeza esta sexta feira e pretende ir máis aló do estritamente deportivo.
Se hai catro anos o balón futboleiro rodaba en Alemaña baixo o lema 'Hora de facer amigos', neste 2010, o lema oficial será 'É a hora: Celebra a humanidade de África'. Unha frase que nos cartaces oficiais aparece coa expresión 'Ke Nako', que significa 'É a hora' en tres das once linguas oficiais de Sudáfrica (sesotho, sepedi e setswana). "Gustaríanos que na historia este Mundial quede reflectido como o momento no que África se ergueu e cambiou o reflexo de séculos de pobreza e conflitos: probar que chegou a hora de África", explicaba durante a presentación do lema o daquela presidente Thabo Mbeki (na actualidade o presidente é Jacob Zuma).
Esa vontade de aproveitar para transmitir unha "percepción positiva" de África nesta primeira visita do Mundial ao continente é reiterada polo goberno sudafricano. O paradoxo fará así que as estrelas multimillonariamente pagadas do fútbol mundial centren nas próximas semanas o primeiro plano dun país con elevadas taxas de desemprego onde a metade da poboación non gaña máis de cen euros ao mes. Será ademais apenas quince anos despois de racharen as cadeas do apartheid, o mecanismo de segregación racial que mantiña afogada sen dereitos a maioritaria poboación negra baixo o dominio da minoría branca.
Xa que logo, nove cidades, desde Capetón a pé do Atlántico até Nelspruit á beira da selva, reparten os dez estadios que acollerán un total de 64 partidos. Comeza outra festa do fútbol.
Para ampliar información: