Feijoo apareceu caricaturizado durante uns minutos cun billete de 500 euros na boca e outro de dólar ardendo na súa man.
A Consellería de Economía e Industria anunciou a apertura dunha investigación para determinar o ataque informático rexistrado esta cuarta feira na súa web onde apareceu durante uns minutos a imaxe caricaturizada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
Fontes deste departamento sinalaron que a imaxe apareceu "uns tres minutos" até que "lograron neutralizala", e posteriormente a Xunta decidiu abrir unha investigación para determinar a orixe. Na imaxe aparecía Feijoo cun billete de 500 euros na boca e outro de dólar ardendo na súa man, coa mención de "dádeme diñeiro e sacareivos da crise" escrito en castelán.
A Consellaría agarda a elaboración dun "informe" para logo tomar as medidas necesarias para identificar e perseguir aos autores. Nun comunicado, lamentou o ataque, que cualificou de "boicot", e apuntou que o portal corresponde a un "servizo público".
"Este tipo de ataques informáticos -continuou- prexudican o conxunto da sociedade galega, que se viu impedida de acceder á información contida na web e da que se benefician todos os galegos".