Varios seguidores que irromperon no estadio así que abriron as portas resultaron esmagados.
Seguidores á entrada do estadio
Polo menos unha persoa morreu e 25 persoas resultaron feridas este domingo en Johannesburgo (Suráfrica) cando miles de afeccionados intentaron entrar no estadio Majulong para ver o amigábel entre as seleccións de fútbol de Nixeria e Corea do Norte preparatorio para o Mundial de fútbol, segundo informou a cadea inglesa Sky News.
A estampida humana esmagou varios seguidores que irromperon no estadio así que abriron as portas. A Policía pechou o acceso, mais logo de abrir a entrada por segunda vez, produciuse unha segunda onda que esmagou numerosas persoas contra as paredes e o chan, antes de que a multitude acabase por se dispersar definitivamente.
No momento do incidente, ambas as dúas seleccións estaban saltando ao campo e ningún dos xogadores nin o corpo técnico se decatou do sucedido. Extraoficialmente, segundo recollen axencias internacionais, fálase de cinco persoas falecidas.