Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asalto á Frota da Liberdade

Unhas 15 mil persoas maniféstanse contra o Exército israelí en Tel Aviv

As bandeiras israelís na marcha deixaban claro que a protesta non cuestionaba a existencia do propio Israel.

Redacción - 11:15 06/06/2010
Pancartas a prol de dous estados

Pancartas a prol de dous estados

Uns 15 mil manifestantes, segundo os organizadores, marcharon este sábado por Tel Aviv, capital de Israel, para protestar contra o asalto do Exército israelí á Frota da Liberdade o pasado luns, que se saldou coa morte de nove activistas.

As axencias internacionais que recollen a información destacan que o único incidente salientábel foi o lanzamento dunha granada de fume contra os manifestantes cando a marcha transcorría ao carón do Museo de Tel Aviv. Ninguén resultou ferido.

Nun principio a manifestación estaba convocada polos principais partidos da esquerda israelí, Meretz e Hadash, e a ONG Peace Now (Paz Agora), entre outros, para recordar os 43 Anos de Ocupación, o aniversario do inicio da guerra árabe-israelí de 1967 que culminou coa ocupación de Cisxordania e a Faixa de Gaza.

Durante a marcha puidéronse ver bandeiras israelís para deixar claro que non se manifestaban contra Israel nin cuestionan a súa existencia, senón que protestan contra as medidas adoptadas polo Goberno do primeiro ministro Benjamin Netanyahu.

"O Goberno estanos a afundir a todos", "Israel, Palestina. Dous estados para dous pobos", "Debemos apresurarnos para a paz" ou "Sancións contra Israel" eran algunhas das consignas escritas nas faixas que levaban os manifestantes.

Deportación dos activistas do 'Rachel Corrie'
Tamén houbo unha contramanifestación de aproximadamente cen manifestantes. A Policía despregou un importante dispositivo para evitar que ambas as partes se enfrontasen. Por outra banda, estaba previsto que este domingo Israel deportase as 20 persoas que ían a bordo do barco irlandés Rachel Corrie, apresado este sábado.


4,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: