Asociacións ecoloxistas do país concéntranse na Praza do Obradoiro este domingo para denunciar o urbanismo depredador e as políticas de ordenación territorial.
Asociacións ecoloxistas do país convocaron unha concentración para este domingo ás 12.00 horas na Praza do Obradoiro de Compostela con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este sábado.
Baixo o lema O noso territorio, a nosa identidade pretenden denunciar a través dunha performance as consecuencias do urbanismo depredador e das políticas insustentábeis de ordenación territorial, escenificando a venda dunhas promocións urbanísticas en lugares emblemáticos do país.
Así, por exemplo, na Praza do Obradoiro pensan "edificar" uns chalés de paredes medianeiras e un cámping. Para colaborar na performance recomendan acudir con chalecos reflectores ou con fundas de obra ou con casco, así como outros materiais de construción ou mesmo tenda de campaña.
Ademais, as asociacións convocantes, ADEGA, ANABAM, CEMMA, FEG (integrada por ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, Guerilleiros das Fragas, Hábitat, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verbo Xido, Verdegaia, Xevale), SGEA, subscribiron un manifesto (.pdf/1.78MB).
'Moitas Especies. Un Planeta. Un futuro'
Pola súa banda, Amigos da Terra, nun comunicado enviado aos medios, demandou con motivo deste Día Mundial do Medio Ambiente -declarado pola ONU e que este ano elixiu como lema Moitas Especies. Un Planeta. Un futuro- o cumprimento real da lexislación ambiental existente, como un dos mecanismos primordiais para frear a perda de biodiversidade.