O voceiro do PPdeG acusou aos socialistas de ter favorecido organizacións paralelas para financiar o partido.
O secretario de Organización do PSdeG, o silledense Pablo García, acudiu este xoves, acompañado de dirixentes da formación, a un xulgado de Compostela para presentar unha querela penal contra o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda. A parte denunciante entende que o dirixente conservador incurriu no delito penal de calumnias con publicidade ao ter asegurado diante dos medios de comunicación que o bipartito deu subvencións a dedo a colectivos 'pantasma' que logo se destinaban a financiar a organización socialista.
Rodríguez Miranda tiña sinalado que cabía a posibilidade de que os 654 mil euros que saíron do erario público acabasen pagando nóminas e a campaña dos socialistas. Dende o PSdeG, subliñan que o dirixente conservador fai as acusacións “a pesar de que é consciente da falsidade das mesmas” e para desviar casos de corrupción que afectan ao PPdeG.
No caso de que Rodríguez Miranda fose condenado por un delito de calumnias con publicidade podería enfrontarse a unha pena de entre seis meses e dous anos de cadea e a unha multa económica.