Enerxía e melancolía no álbum do guitarrista e compositor ferrolán, que toma inspiración da obra do finado poeta.
A poesía de Ramiro era puro blues... Víctor Aneiros xa topara cos poemas de Ramiro Fonte (1957-2008) cando no seu anterior disco musicou 'Na barra'. Ambientes nocturnos, personaxes decadentes atrapados entre sombras, atracción polo abismo, Ofelias afogadas na noite...
Desta volta, Aneiros mergúllase de cheo neste seu quinto disco na inspiración do finado poeta, adaptando até sete poemas de mocidade e primeira madurez. De aí sae 'Brétemas da memoria', que conta entre outros coa colaboración de Javier Vargas, Mauri Sanchis ou Roberto Somoza.
"Os lamentos son comúns en calquera parte do mundo e estabelecen sólidas relacións entre culturas estrañas", dixo un poeta africano, pai da teoría da negritude, recorda o bluesman ferrolán na súa biografía web: "Deste xeito, o blues en galego ten todo o sentido do mundo". No seu traballo anterior, 'Heroe secreto', poñíalle música a poemas de Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Amado Carballo e Ramiro Fonte, e sorprendía cunha adaptación blues de 'Unha noite na eira do trigo' de Curros Enríquez. Anteriormente, en 2004 o seu 'Blues do amencer xa estivera integramente cantado en galego.