A Xunta confirma no Parlamento o gasto previsto co decreto da lingua no ensino. Para o BNG é un desbalde "obsceno" que evidencia que o PP esquece a suposta "austeridade".
Afonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, nunha comparecencia anterior no Parlamento
"É obriga do Goberno que os pais coñezan as medidas", xustificaba esta cuarta feira en comisión parlamentaria o secretario xeral de Medios, Afonso Cabaleiro. O alto cargo dependente directamente da Presidencia da Xunta argumentaba así a prol do dispendio que o executivo pretende facer co obxectivo de publicitar o decreto sobre as linguas no ensino.
Cabaleiro confirmou así a información aparecida xa en semanas pasados no Diario Oficial das Comunidades Europeas ao respecto dunha campaña institucional para a divulgación dos "novos valores" que a Xunta pretende en materia lingüística. Segundo os datos levados á Cámara por Afonso Cabaleiro serán un total de 819 mil euros máis o IVE, é dicir, arredor dun millón de euros.
O concurso público para elixir a empresa que levará a cabo o proxecto está xa aberto e, teimou Cabaleiro, en que a propia campaña de propaganda "servirá tamén para fomentar a lingua galega no marco da política de defensa do galego do Goberno". "Facemos menos campañas e gastamos menos diñeiro en campañas máis importantes", retrucou Cabaleiro diante das acusacións da oposición parlamentaria.
"Obsceno gasto para impoñer o español", acusa o BNG
Respondía o secretario xeral de Medios á interpelación de Bieito Lobeira, voceiro en materia de Lingua do grupo parlamentario do BNG, quen lle adicou os cualificativos de "indecente" e "obscena" á campaña de propaganda que Cabaleiro confirmou que a Xunta levará adiante desde o próximo mes de setembro e coincidindo co inicio do curso escolar.
"Cando se trata de impoñer o español o PP non repara en gastos nin fala de austeridade", censurou Bieito Lobeira. O deputado nacionalista denunciou que o goberno Feijoo "ri do país" con este tipo de iniciativas. Para o Bloque, no actual contexto de crise, "e mentres proclama a contención de gasto en políticas industriais ou de emprego, é perverso e inmoral" que se destine un millón de euros "só para proxectar propagandísticamente un decreto que foi rexeitado por todo o mundo, dende a comunidade educativa, ás institucións oficiais da lingua, as tres universidades, oposición política e grande parte da sociedade".
En opinión de Lobeira, a teima en sacar á luz esa campaña malia o elevado custo é unha evidencia clara da convicción que o propio Goberno ten "do rexeitamento que produce" o decretazo. E advertiulle o deputado nacionalista a Cabaleiro: "Ao PP faríalle falta todo un ministerio de propaganda para poder xustificar perante a sociedade a cruzada que están facendo contra o galego".