Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O GALEGUISMO NA ENCRUCILLADA DO SÉCULO XXI

Cuíña demanda unha reforma legal que garanta a presenza de novas forzas políticas no Parlamento

Nunha conferencia na Coruña, o empresario lalinense apostou por un cambio que rebaixe do 5 ao 3% a porcentaxe de votos mínimos para acceder ao Hórreo.

Redacción - 12:15 02/06/2010
Cuíña, este martes na Coruña

Cuíña, este martes na Coruña

A agrupación cultural O Facho da Coruña convidou este martes a Rafael Cuiña a dar a súa visión do papel do “Galeguismo na encrucillada do século XXI”. Diante dun auditorio non que non faltaron representantes das tres principais formacións políticas galegas, o empresario lalinense apostou pola necesidade dun discurso galeguista que sirva de punto de encontro para xentes de distintas opcións políticas.

Cuiña expuxo as súas principais diverxencias co partido no que milita (PPdeG): Lingua e ordenación do territorio. No que respecta á cuestión idiomática, sinalou que aínda que non estaba a prol de "ningunha política de inmersión" si que cría firmemente na necesidade dunha discriminación positiva no ensino para a lingua propia e que por iso mesmo non podía estar a prol do decreto actual.

Mais foi na quenda de preguntas onde máis solto estivo. Coma unha especie de Mourinho, non deixou de fabricar titulares antolóxicos:

-Pregunta: Quen sería o seu líder para ese PP galeguista?
-Resposta: O meu líder xa non está entre nós (referencia a seu pai Xosé Cuiña)
-P: Que opina vostede do BNG?
-R: Eu no BNG son “quintanista” (ollando para un Anxo Quintana que estaba entre o público)

Tampouco faltaron referencias á “vía galeguista” que podería abrir no  PSdeG o ministro Francisco Caamaño ou reflexións sobre se hai sitio para unha forza autóctona de centrodereita. Neste último tema, non pasou desapercibido no seu discurso a petición de rebaixar dun 5 a un 3% a porcentaxe mínima de votos para lograr presenza parlamentaria.

A pesar de militar no PPdeG, a presenza de dirixentes deste partido foi nula (só estivo presente o alcalde de Lalín, Xosé Crespo). Entre o público estaba o anterior líder do BNG, Anxo Quintana, acompañado do ex deputado nacionalista Pablo González Mariñas e do que fora seu secretario xeral de Relacións Institucionais, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema. Tamén acudiron ao acto outras caras coñecidas como o deputado socialista Lage Tuñas, o escritor Xabier P. Docampo ou o decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro.

Podes ler aquí o intervención íntegra


4,47/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: