En clave negativa, o colectivo ecoloxista concédelle o “Premio” de Cemento a Gas Natural Fenosa.
Enseada de San Simón
O peor e o mellor para o medioambiente galego. Esa é a filosofía dos premios Cemento e Semente que organiza o colectivo ecoloxista Verdegaia. O galardón máis negativo vai parar este ano á empresa Gas Natural Fenosa: "Por ser unha das empresas máis contaminantes de Galiza e que máis gases de efecto invernadoiro botan no noso país, a pesar de que a inmensa maioría das galegas e galegos somos clientes seus, potenciando a produción de enerxía a través de medios non renovables (carbón e o gas natural)."
O Premio Semente á Mellor Actuación Ambiental recae na Comisión de afectados pola depuradora do Lagares. Verdegaia considera exemplar unha loita “a miúdo en solitario, contra a instalación da depuradora instalada na desembocadura do Lagares, na Xunqueira, un espazo natural único no sur galego”.
As distincións entregaranse nun xantar que terá lugar o vindeiro 5 de xuño en Pontevedra, dentro dos actos do Festival Naturaliza que se celebran na cidade do Lérez.
Máis información na páxina de Verdegaia