Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A POLÍTICA DE ESCÁNDALO A ESCÁNDALO

O PPdeG tira de retrovisor

Convencidos de que dá bos resultados, os conservadores recorren ao anterior mandato para desprestixiar o bipartito e blindar o executivo actual.

R.V. - 11:21 01/06/2010

Nos últimos meses do goberno bipartito, o Partido Popular comezou a enxergar  unha posibilidade que tres anos antes semellaba unha quimeira: regresar ao poder logo dunha paréntese de catro anos. Mentres o candidato á presidencia se dedicaba a recorrer todas e cada unha das comarcas do país para arengar as súas bases de cara aos comicios, o aparato de comunicación do partido deseñaba unha estratexia clara: desgastar o goberno con todas as armas.

No verán de 2008, no PPdeG eran conscientes de que a crise económica, que comezaba a deixarse notar con forza, podía ser un elemento clave para desgastar a socialistas e nacionalistas. O discurso tiña que ser incisivo e ás  acusacións de "bigoberno" había que sumarlle as de dilapidar os recursos públicos.

No outono daquel ano a guerra subiu de ton. A oposición dirixiu os seus dardos contra Sogama, unha das sociedades historicamente máis opacas de todas as que orbitan arredor da Xunta e que fora creada no seu día por un goberno Fraga. Novas Xeracións non dubidaba en manifestarse diante da casa "ilegal" de "Pachi" Vázquez no Carballiño, Núñez Feijoo arremetía contra os gastos en coches oficiais, en reformas de luxo en San Caetano...Tamén había graves acusacións contra a área nacionalista, entre elas as de financiamento ilegal.

A campaña para as eleccións de marzo foi especialmente tensa. Cun PPdeG insistindo en xogar nun campo enlamado e cun bipartito que non era quen de contraatacar, coma se nunca agardasen un ataque como o que lle estaba a chegar e cunha abraiante incapacidade de transmitir a súa mensaxe á cidadanía, que cada día almorzaba cun novo escándalo político. A estratexia "popular" triunfou. E, para sorpresa de socialistas e nacionalistas, o novo Goberno estaba disposto a seguir utilizándoa tamén no poder.

Un punto feble?
En 2005 o bipartito optaba por "gobernar sen mirar polo retrovisor". Tanto nas bases socialistas coma nas nacionalistas houbo quen criticou duramente esta decisión: Logo de 16 anos de guerra aberta co "fraguismo" non se podía mirar para outro lado, había que abrir as fiestras de San Caetano e mostrar o que había dentro. A resposta dos contrarios a "erguer as alfombras" aseguraban que as urnas xa lle pasaran a factura ao anterior goberno e agora tocaba centrar os esforzos en mirar cara ao futuro.

Nos primeiros catorce meses de Núñez Feijoo, o Partido Popular empregou con certo éxito unha estratexia: se me atacan, acendo o ventilador. O último caso tivo lugar este mesmo luns. Logo de que os socialistas criticasen ao conselleiro de Cultura por ter gastado 14 mil euros en tres billetes de avión a China, a resposta dos conservadores foi acusar á dirección do PSdeG de favorecer dende o Goberno unha trama de organizacións para financiar o partido.

Os socialistas anunciaron poucas horas despois unha querela criminal (unha práctica cada vez máis común na convulsa política galaica) contra o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda. Acabe como acabe o preito, os "populares" demostran que a súa estratexia é radicalmente diferente á do bipartito e que si están dispostos a mirar polo retrovisor. Quizais é porque saben que a "amnistía sen memoria" foi un dos maiores erros de socialistas e nacionalistas.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: