A formación galega, dirixida por Xosé Anxo Vidal, acadou tamén a sexta posición na xeral individual grazas a Nelson Oliveira e a camisola da montaña.
Chegada da última etapa
Segundo posto por equipos, sexto na xeral individual e camisola da montaña. Este foi o notábel balance da primeira participación do Xacobeo Galiza na Volta a Baviera (Bayern Rundfahrt). A xeral final foi para Monfort (do Columbia-HTC) e o gañador da última etapa foi Sapa (do Lampre) na meta de Fürstenfeldbruck.
O portugués Nelson Oliveira foi quen se fixo acredor da mellor posición de entre os corredores da equipa galega, cun sexto posto. Mentres, o gañador da montaña foi para Serafín Martínez, quen defendeu a camisola até a última xornada. Os triunfos puideron ser, malia todo, aínda maiores para a equipa galega na xornada final, mais a Gustavo Veloso escapóuselle a vitoria por 20 segundos.
Ademais do sexto posto de Oliveira, tamén se clasificaron polo Xacobeo: Ezequiel Mosquera, que foi vixésimo; David García, trixésimo segundo; e o propio Serafín Martínez. Entre as accións destacadas da formación galega, os medios alemáns destacan a súa combatividade, que quedou demostrada polo corredor Delio Fernández na terceira etapa.