Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncian PSdeG e BNG na Cámara

A precampaña municipal do PP 'engráxaa' a Xunta a través do Plan Hurbe

A oposición di que a consellaría de Infraestruturas usa os fondos para beneficiar os concellos con alcalde do PP e castiga os demais.

Redacción - 18:05 26/05/2010

Socialistas e nacionalistas chegaban esta semana ao Parlamento coa proposta ao grupo maioritario de demandarlle á Xunta "criterios obxectivos" para o chamado Plan Hurbe, destinado a obras urbanísticas municipais e cunha dotación orzamentaria de 96 millóns de euros. A negativa do PP a aclarar a cuestión acendeu a indignación dos grupos da oposición, que coinciden en avaliar este programa da Consellaría de Infraestruturas como unha ferramenta ao servizo da precampaña electoral dos populares cara ás municipais de 2011.

A ausencia de criterios para o reparto orzamentario dun programa que foi presentado como iniciativa para a mellora da calidade de vida a través de obras en favor de "vilas accesíbeis e habitábeis" para os cidadáns convérteo na práctica nun plan "arbitrario". Para PSdeG e BNG trátase dun mecanismo de financiamento a municipios "amigos", en referencia a aqueles gobernados polo PP mentres se "castiga" os que teñen rexedor de calquera outra cor.

A deputada socialista Mar Barcón acusou o PP de xogar a "favorecer a campaña electoral dos seus alcaldes" usando para iso "a opacidade e a maior das arbitrariedades para poñer en marcha programas decididos a dedo, pactados con ninguén e cun único obxectivo: bloquear o desenvolvemento desa obras daqueles municipios que non están gobernados polo PP". Do mesmo xeito, a deputada nacionalista Teresa Táboas aludiu á arbitrariedade da Xunta acusando o conselleiro de "falar de austeridade" para paralizar investimentos mentres "de súpeto aparecen 96 millóns de euros" ao dispor dos concellos do PP "un ano antes das municipais".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: