Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MAPA DOS RECORTES

Así se aplica a austeridade en Europa

Subida de impostos, conxelación de inversións, recortes nos salarios públicos... Estes son os plans de aforro que se impoñen na Unión Europea.

Redacción - 18:05 26/05/2010

O presidente da Xunta accedeu ao Goberno co compromiso de impulsar políticas máis austeras, en aras dun maior aforro económico. Neste eido se enmarcaron decisións como a redución a dez consellarías, a rebaixa de altos cargos ou a saída a poxa dos Audis do parque móbil. Alén do debate sobre se esta preconizada austeridade é real ou non, Feijoo fixo desta promesa unha das súas bandeiras.

Na mesma liña se tivo que pronunciar, instigado polos organismos económicos internacionais, o presidente do goberno español, Rodríguez Zapatero. Nos últimos días, o executivo estatal anunciou un duro plan de axuste para reducir en 15 mil millóns de euros máis o déficit público, que xa estaba previsto rebaixar en outros 50 mil até 2013. O obxectivo é pasar do actual 11,2% ao 5,3% ao remate deste plan de axuste, dentro de tres anos.

Entre as medidas promovidas por Zapatero atópanse a redución do salario dos funcionarios un 5% de media e dun 15% o do xefe do executivo e o dos seus ministros. Tamén a conxelación das pensións en 2011 ou un recorte duns seis millóns de euros en infraestruturas. A maiores, prevese a suba do IVE en dous puntos (do 16 ao 18%) e a prohibición os concellos a que pidan máis créditos a partir do inicio de 2011.

E noutros países europeos?
A galega e a española son só dúas formas de afrontar o recorte do déficit público. Velaquí as que se formulan noutros estados da zona euro:

Portugal
O goberno luso sumouse á contención salarial na clase política, que verá reducido o seu salario nun 5%, tanto os altos cargos como os políticos de base. Porén, os funcionarios non sufrirán unha rebaixa nas súas nóminas, se ben si verán conxelado o salario. Ademais, o executivo de Sócrates anunciou unha redución do persoal da Administración. Doutra banda, si hai mudanzas no sistema fiscal. O imposto da renda aumento o 1% ou o 1,5%, dependendo dos ingresos. Tamén, o IVE pasa do 20% ao 21% e créase un imposto novo ás plusvalías bursátiles do 20%. No refrente á obra pública, aprázanse aquelas non contratadas, agás o tramo de alta velocidade con Madrid. O obxectivo é reducir o déficit dende o 9,4% de decembro de 2009 até o 2,8% en 2013.

Grecia
O país máis da eurozona máis afectado pola crise financeira e o máis endebedado, aprobou a comezos de maio un drástico plan de austeridade para poder acceder a máis de 100 mil millóns de euros do fondo de rescate europeo e do FMI. As medidas do goberno afectan a todos os eidos: o salario dos funcionarios queda conxelado tres anos, a idade mínima de xubilación (até o de agora 65 anos para homes e 60 para mulleres) adaptarase ao aumento da esperanza de vida; as pensións futuras serán un 18% máis baixas e requirirán máis anos de cotización; tamén se introducen recortes nas administracións locais; e sóbense os impostos (o IVE pasa do 21% ao 23%, e as taxas dos carburantes, o alcohol e o tabaco aumentan un 10% suplementario). Ademais, impulsaranse as privatizacións de numerosas empresa públicas. O obxectivo é reducir o déficit público este ano ao 9% dende o actual 13,6%.

Italia
O goberno italiano xa anunciou que conxelará durante tres anos os salarios dos funcionarios, á vez que se paralizarán as contratacións no sector público. A rebaixa dos salarios dos altos cargos oscilará entre o 5 e o 10%; haberá un recorte de gastos do 10% nos diferentes ministerios e atrasarase seis meses o acceso á pensión dos traballadores que cumpran os requisitos este anos. Se ben aínda non se formulou ningunha suba directa dos impostos, buscaranse novos ingresos potenciando a loita contra a evasión e obrigando os propietarios dos inmobles non rexistrados a regularizalos (estímase que son uns dous millóns). O obxectivo é reducir o déficit do 5,3% previsto para este ano ao 5% en 2011.

Francia
A principal medida que estuda o goberno galo refírese á reforma das pensións. A idea é ben atrasar a idade de xubilación, actualmente nos 60 anos, ben ampliar o período mínimo de cotización. Asemade, o executivo puxo sobre a mesa un plan de conxelación do gasto público nos próximos tres anos e estabelecer impostos específicos destinados ás rendas máis altas. O obxectivo é rebaixar o déficit dende o 7% actual até o 3% en 2013.

Alemaña

O motor económico de Europa aínda non concretou oficialmente medidas de aforro no contexto do plan de axuste europeo, mais é seguro que a promesa electoral de Angela Merkel de baixar os impostos non se cumprirá. A xefa do goberno si adiantou que ningún sector escapará ao recorte” e os medios alemáns apuntan aos bancos, como causantes da crise financeira. Agárdase que se introduza unha taxa ás transaccións financeiras, mais unicamente se se aproba a nivel mundial e non unilateralmente. Con todo, o goberno rexeitou presentar unha listaxe de medidas até a xuntanza do Consello de Ministros do 7 de xuño. O déficit alemán é un dos máis baixos de Europa (3,3%), se ben este ano está previsto que suba até o 5%.

Reino Unido
O novo goberno de conservadores e liberais xa anunciou que aplicará un plan de recortes do gasto público para reducir nuns 7.125 millóns de euros o déficit do país, que supón o 12%. Alén da decisión do conservador David Cameron de rebaixar o salario un 5% aos seus ministros, as áreas máis afectadas serán as de informática do goberno, viaxes dos funcionarios públicos, axudas financeiras para os bebés, asesores externos financiados pola administración pública, así como recortes nos ministerios de Educación, Transporte e Traballo e Pensións. Se ben o goberno británico aínda non o confirmou, algúns medios como The Sunday Times xa adiantaron que 300 mil traballadores do sector público poden perder o seu emprego nos próximos anos como consecuencia destas medidas. Será o próximo 22 de xuño cando se anuncie o alcance destes recortes e cando se presente un orzamento de emerxencia do novo goberno.

Outros países

Outros Estados asumiron outras medidas aínda máis restritivas. É o caso de Irlanda ou Romanía. No primeiro xa se anunciou unha rebaixa de até o 15% do salario dos funcionarios, a redución dos cadros de persoal e a paralización das inversións en infraestruturas. Mentres, o goberno de Romanía, na Unión Europea dende 2007, xa anunciou a rebaixa do 25% no salario dos cargos públicos. Tamén decidiu reducir as pensións de xubilación un 15% a partir do 1 de xuño.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: