Rinoceronte, Urco, Positivas e 2.0 alíanse para sacar adiante a colección 'Módicos'. Os encargos só se poderán facer por internet.
Este martes terá lugar un modesto pero ben innovador cambio no mundo editorial galego. As editoras Rinoceronte, Urco, Positivas e 2.0 veñen de acordar crear unha fronte común para editar Módicos.
Pero que é Módicos? Este é o nome dunha colección que vai compartir un deseño e prezo común (9,90 euros) e que se imprimirá á carta, segundo a demanda real dos compradores. A distribución farase exclusivamente pola rede, por medio da web toupa.net. Os potenciais lectores poden escoller a obra que lle chegará ao enderezo que elixan.
A iniciativa busca evitar dous dos grandes problemas das editoras en xeral, e das galegas en particular: as dificultades na distribución e a racionalidade entre tiraxe e demanda real. As editoriais irán imprimindo (en papel con certificación ecolóxica) os libros “á carta” segundo as peticións que vaian chegando dos lectores.
A presentación oficial vai ter lugar este martes en Compostela (Galería Sargadelos, ás 19 horas). A colección arranca cos seguintes títulos:
Módicos de Urco
Washington Irving | Sleepy hollow e outros contos
Robert. E. Howard | Relatos de terror sobrenatural
Edwin A. Abbott | Planilandia
Jack London | A praga escarlata
Módicos de Rinoceronte
Etgar Keret | O condutor de autobús que quería ser Deus
Bohumil Hrabal | Unha soidade demasiado ruidosa
Ousmane Sembène | O xiro postal
Yasunari Kawabata | A casa das belas adormentadas
Os de Postivas e 2.0 incorporanse nas semanas sucesivas.