O Tribunal Supremo aceptou o recurso interposto pola empresa propietaria de 'Quejasonline', que fora condenada en primeira instancia.
O Tribunal Supremo aceptou o recurso de casación interposto pola empresa Ruboskizo SL, propietaria do foro de internet Quejasonline, que fora condenada por un xulgado de primeira instancia de Valencia a pagar 6.135 euros a un avogado de Mutua Madrileña Automobilística polos comentarios supostamente ofensivos publicados por un usuario do foro.
Na sentenza, o tribunal entende que de acordo á Lei de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico de 2002, os prestadores de servizos de aloxamento en internet "non serán responsábeis pola información almacenada a petición do destinatario, sempre que non teñan coñecemento efectivo de que a actividade ou a información é ilícita ou lesiona bens ou dereitos dun terceiro".
Ademais, o Supremo engade que tampouco se pode facer responsábeis aos propietarios dunha páxina web dos comentarios publicados polos usuarios que vaian en contra da lei sempre que, unha vez que se dean conta do que está a ocorrer, os responsábeis desa web "actúen con dilixencia para retirar os datos ou facer imposíbel o acceso a eles".
Así mesmo, o tribunal recorda na súa sentenza que unha directiva europea do ano 2000 sobre esta materia estabelece que os prestadores de servizos en internet non teñen a obriga xeral de "supervisar os datos que transmitan ou almacenen, nin unha obriga xeral de realizar procuras activas de feitos circunstancias que indiquen actividades ilícitas".
Caso do avogado de Mutua Madrileña
O foro, dedicado a recoller denuncias dos usuarios sobre distintas empresas, publicou en 2006 unha queixa sobre Mutua Madrileña Automobilística asinada por un dos seus avogados en que se aseguraba que a compañía "enganaba os seus clientes". "Son avogado de Mutua Madrileña e estou canso de enganar a xente, pois a Mutua faime adiar os expedientes, co fin de non pagar. Ten pinta de irse ao garete", sinalaba o comentario.
Pouco despois, a empresa que xestiona o foro recibiu unha chamada do avogado asegurando que el non escribira iso e pedindo que se borrase o comentario, o que o xestor do foro fixo, e que lle desen o nome real da persoa que publicara o comentario, cousa que os encargados de 'Quejasonline' se negaron a facer para non vulnerar a Lei de Protección de Datos.
Ante esta negativa, o avogado presentou unha denuncia por danos patrimoniais e morais ante un xulgado de primeira instancia de Valencia, que lle deu a razón e condenou a empresa propietaria de 'Quejasonline' a publicar o fallo no foro e pagar ao avogado 6.135 euros. Posteriormente, a Audiencia Provincial de Valencia desestimou o recurso de apelación de Ruboskizo SL e confirmou esta sentenza.
No entanto, finalmente o Supremo afirmou que a Audiencia Provincial non tivo en conta a xurisprudencia do Alto Tribunal sobre este tema e eximiu de responsabilidade a compañía propietaria do foro.