Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Autodeterminación en Cataluña

'El dilema espanyol': ou involución ou secesión

Reproducimos un artigo conxunto asinado por 60 articulistas cataláns e publicado en varios xornais rexionais do país.

Redacción - 11:00 21/05/2010

Un artigo asinado por 60 articulistas cataláns, entre outros, Manuel Cuyàs, Antoni Dalmau, Alfons López Tena, Pilar Rahola ou Vicent Sanchis, e publicado este venres por algúns diarios rexionais do país advirte o Tribunal Constitucional dos perigos dunha sentenza dura so respecto do Estatut que obrigaría a cidadanía catalá a escoller entre dúas saídas: renunciar ás aspiracións nacionais ou renunciar á constitución española.



O dilema español

O dereito colectivo ao autogoberno de Cataluña presenta unhas profundas e inequívocas raíces históricas que o fan un caso especial na política comparada das realidades nacionais de todo o mundo.

Como ben sabemos, a vontade de preservar o autogoberno foi un dos vectores da historia medieval e moderna de Cataluña, que inclúe innumerábeis guerras en Francia e dúas guerras contra a monarquía hispánica. No século XX, a vontade de autogoberno dos cataláns cristalizou institucionalmente coa Mancomunidade, un embrión de goberno nacional chamado a levantar o país a todos os niveis.

A imposición da ditadura do xeneral Primo de Rivera puxo fin a este tímido episodio de liberdade colectiva, mais o ano 1931, antes de que se aprobase a Constitución da II República Española, recuperouse un espazo de autogoberno coa institución da Generalitat. Non fai falla salientar o que supuxo despois en Cataluña a imposición dunha ditadura e dun goberno autoritario durante catro décadas.

Após a gran manifestación unitaria de 1977, e seguindo o guión de 1931, a Generalitat foi restabelecida antes de que se aprobase a nova Constitución democrática, como expresión duns dereitos históricos que entón non discutiu ninguén. E un novo Estatut de autonomía pactado entre todos recibiu un amplo apoio popular no referendo de 1979.

Anos despois, a gran maioría de forzas políticas catalás propúxose reformar o Estatut para asegurar un recoñecemento nacional formal e un autogoberno de alto nivel competencial, simbólico e institucional no novo escenario global. O resultado sabémolo todos.

Por sorte, a historia non se repite, e Cataluña non se atopa hoxe ás portas dunha nova imposición violenta que vaia aniquilar o seu autogoberno. Mais Cataluña, e con esta todo o Estado, si que se atopan nunha encrucillada histórica decisiva que pode selar (ou non) o fracaso de España como proxecto político compartido e como unha democracia de calidade capaz de acomodar a súa diversidade nacional interna.

Con todos os seus defectos, que as idealizacións da Transición perden de vista, a Constitución de 1978 tivo unha virtude, que é abrir un marco flexíbel en que cada comunidade autónoma puidese atopar o nivel de autogoberno máis achegado posíbel ás características e aspiracións da sociedade respectiva.

Un só exemplo bastará. A Constitución de 1978 estabelece o deber de coñecer o castelán mais non prohibe que unha comunidade autónoma poida estabelecer un deber de coñecemento análogo para a súa lingua propia, se neste deber a comunidade ve tanto unha garantía de sustentabilidade lingüística como unha ferramenta de integración social e de igualdade de oportunidades.

No Estatut de 1979 os cataláns fixaron o obxectivo de chegar á plena igualdade do catalán e do castelán "en canto aos dereitos e deberes dos cidadáns de Cataluña" e no de 2006 os cataláns consideraron chegado o momento de concretar esta igualdade estabelecendo para o catalán o deber que xa existe para o castelán.

Se agora resulta que este deber é inconstitucional ou é interpretado de xeito banal, ou de se pór en cuestión o significativo éxito de integración que supuxo a inmersión lingüística, só podemos concluír que o punto onde se nos quere devolver sitúase nada menos que antes de 1979 .

Mentres que outras democracias do mundo desenvolvido se esforzan en resolver a súa convivencia multinacional a través do recoñecemento constitucional do seu pluralismo nacional interno e de varios modelos federais de autogoberno e de goberno compartido, España corre o serio perigo de querer pechar xudicialmente un contencioso que só se pode abordar, xestionar e resolver en termos políticos e con vocación de futuro.

Coa anunciada sentenza dun Tribunal Constitucional caduco, dividido, deslexitimado e internacionalmente desprestixiado, é evidente que España se atopa ás portas dun episodio de estrita involución política e autonómica, co perigo que supón a negación das aspiracións de recoñecemento e de autogoberno nacional dos cataláns.

Se estas aspiracións -que foron formuladas con plena lealdade ao ordenamento xurídico, pactadas entre todos e referendadas nas urnas- non collen na Constitución, só hai dúas saídas posíbeis: ou os cataláns renuncian ás súas aspiracións ou renuncian á Constitución; a evolución federal e plurinacional do estado autonómico está hoxe en perigo mortal.

Os abaixo asinantes, colaboradores da prensa diaria catalá, de sensibilidades e talantes diferentes, queremos unir as nosas voces para facermos saber á opinión pública que a situación actual é excepcional e pide xestos políticos excepcionais.

A responsabilidade é, en primeiro lugar das institucións e dos partidos políticos. Os pactos deben ser respectados, especialmente cando teñen, ademais, a lexitimidade democrática dos cidadáns.

De non seren quen institucións e partidos políticos de atopar unha saída digna á situación actual, a realidade obrigará os cataláns a elixir entre a involución e a secesión. E nin que dicir ten que de se dar finalmente este dilema só haberá unha opción compatíbel coa historia e coas aspiracións políticas da maioría de cataláns actuais.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: