Os socialistas acusan o Goberno de “promover o abandono e os recortes de inversións” en materia agraria.
“Feijoo é o responsábel do peche de 1.046 explotacións en Galiza”. Así o asegura Sonia Verdes, portavoz do Grupo Parlamentario de Medio Rural do PSdeG. Denuncia que as únicas iniciativas da Xunta para apoiar os gandeiros pasan por “promover o abandono e os recortes de inversións” e afirma que as súas decisións poñen en risco a supervivencia de máis de catro milleiros de explotacións, necesarias para “a preservación do medio natural, para a prevención de incendios, para fixar poboación e para evitar o abandono do medio rural”.
O PSdeG presentou unha iniciativa, botada abaixo polo PPdeG, na que reclamaba ao Goberno que puxera en marcha axudas para os gandeiros. Verdes asegurou que o goberno de Feijoo “trouxo consigo o fracaso de moitas políticas para os gandeiros”, e nomeou o peche de explotacións, a caída dun 41,3% nos ingresos das granxas ou perdas no sector que superan os 173 millóns de Euros, é dicir, preto de 13.500 euros por explotación.
Ademais acusou a Feijoo de “paralizar, recortar e suprimir axudas, para desmantelar, privatizar e recortar servizos” e subliñou que “se deixaron sen gastar 215 millóns de euros de investimento produtivo en subvencións e convenios”. Finalmente, a deputada denunciou que a Xunta recortou as axudas a explotacións de gandería extensiva, onde non é posíbel pola especial orografía outro tipo de actividade agraria.