Rajoy cualifica as medidas anunciadas polo goberno español de "gran recorte de dereitos sociais".
"Tardou bastante máis dun ano en descubrir a crise e tardou dous en descubrir que gobernar é algo máis que gastar cartos e deixar que engorde o déficit", arreboloulle o líder do PP, Mariano Rajoy, ao presidente do goberno español durante o inicio da súa quenda no Congreso esta cuarta feira.
"O que viñeron dicir os nosos principais socios comunitarios é que ao señor Rodríguez Zapatero non se lle pode deixar só, que mal está o que fixo coa economía española, pero que o que non van aceptar é que exporte a súa incompetencia", afirmou Mariano Rajoy. Na súa intervención, o líder do PP asegurou que Rodríguez Zapatero adopta agora "porque llas impón a UE" medidas suxeridas a pasada semana polo propio Rajoy e rexeitadas polo seu executivo.
Argumentou Rajoy que o seu partido ofreceu en diversas ocasións e desde setembro de 2009 un pacto para a redución do déficit das administracións públicas, incluída unha emenda aos orzamentos xerais do Estado para a corrección das contas en 10 mil millóns "exactamente a mesma cifra que agora lle impón a Unión Europea".
Supresión de ministerios
Entre a galería de propostas concretas que o presidente do PP incluíu cara ao final do seu discurso están a supresión da vicepresidencia terceira e dos ministerios de Igualdade e Vivenda. Tamén demandou a integración nun só departamento dos ministerios de Educación e Cultura e, por outro lado, dos ministerios de Traballo e Sanidade.
A maiores, o PP propón a revisión de "todas as partidas de subvencións" e a eliminación "de todas aquelas que non estean debidamente xustificadas". Suxiren tamén a redución das que correspondan a organizacións empresariais, sindicais e políticas e reclaman un plan de reestruturación do gasto público "que evite duplicidades entre administracións".