O BNG expresa o seu rexeitamento ao plan exposto por Zapatero e censura que non se lle esixa maior esforzo fiscal ás rendas máis altas.
No canto de afrontar unha reforma fiscal que reclame maior esforzo fiscal das rendas máis altas o camiño elixido é outro: recortarlle aos sectores populares "para pagar unha crise que eles non xeraron". Así o denunciou o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, ao respecto das medidas anunciadas esta cuarta feira polo presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero.
Na súa intervención na Cámara baixa, o representante do Bloque preguntou tamén pola prometida reestruturación do sector financeiro, inquirindo se se vai limitar unicamente "a pactar co señor Rajoy unha reforma da LORCA que é a base para privatizar e bancarizar as Caixas". Francisco Jorquera reprochoulle a Rodríguez Zapatero que non aproveitase a presidencia de quenda na Unión Europea para impulsar unha estratexia ambiciosa de reformas no eido financeiro. "Onde están os mecanismos de supervisión? Onde a nova regulación? Que se fixo para combater os movementos especulativos do capital? Onde os impostos á banca?", preguntou.
Doutra banda, avaliou Jorquera que a nivel da UE "non se pode converxer en políticas monetarias e fiscais se non se converxe tamén en desenvolvemento humano" e valorou que "nada se fixo ao respecto". Na opinión do portavoz nacionalista galego o camiño elixido polo goberno español é o da "rendición da democracia á mercadocracia".