Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA DAS LETRAS 2010

Un poeta no tellado

Partindo dunha fotografía súa tomada en Parada do Courel, reconstruimos parte da vida e paixón de Uxío Novoneyra.

Ramón Vilar - 11:00 14/05/2010

Navegando pola rede un pode atopar unha fotografía do poeta sentado ao pé dun souto, coa mirada perdida no pao que sostén nas mans. Noutra, a súa barba branca aparece na fiestra buscando os curutos da infancia. Pero a que quizais máis conmove, a que ergue un arreguizo estraño na pel, é na que se pode ver enriba do tellado da casa paterna. No outono da vida, como se quixese manter a pegada dos que xa non están, apuntala cun martelo as lousas que terán que termar das neves do inverno. Ao fondo da imaxe, os montes que rodean a Parada de Moreda contemplan o poeta na súa tarefa.

Case once anos despois da súa morte, e cando se cumpre o oitenta aniversario do seu nacemento, Galiza dedícalle a súa máis grande festividade civil, a da palabra que perdura no tempo. Criado entre os curutos da serra do Courel, aquel fillos de labregos de fartura, acabaría sendo el mesmo cumio da poesía galega da segunda metade do século XX.

O amor á terra, á natureza, nace da experiencia íntima da infancia. Novoneyra é testemuña de excepción dun éxodo ás veces pouco analizado. Alén de poeta, convértese en cronista dunha hemorraxia, dun país que comeza a pousar os vellos apeiros agrarios e se prepara para un tempo novo que só existe no mellor dos casos nas cidades. El mesmo, con 15 anos, fai a maleta para estudar o bacharelato en Lugo e percorrer un mundo que até aquel momento lle é estraño. A vida é un continuo cruce de camiños e o de Uxío conflúe naqueles escuros anos 40 de Lugo con outro artesán da palabra: Manuel María.

En 1948, Novoneyra monta nun tren que o levará a Madrid onde se matricula como ouvinte en Filosofía e Letras. Na capital do estado descobre o que xa maduraba en si e comeza  a dar os primeiros pasos firmes como creador. Tres anos despois regresa ao seu país facer o servizo militar obrigatorio. Durante a súa estancia en Compostela entra en contacto co vello galeguismo encarnado en Ramón Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro. Dúas figuras que, canda a do pintor Carlos Maside, serán decisivas no seu futuro compromiso co idioma e coa literatura.

Con 23 anos o pulmón dá un serio aviso (sofre unha pleuresía) e entre 1953 e 1962 volve ás súas raíces (aínda que non perde contacto co feble movemento galeguista e participa en recitais na capital de Galiza). En Parada de Moreda volve á soidade e os ollos da infancia dan posa a unha visión máis adulta do cosmos que o rodea. Desa vivencia íntima nace o seu primeiro libro, Os Eidos, que publicaría Galaxia en 1955. Máis de dúas décadas antes de que Jhon Berger fixese unha espléndida crónica dun mundo rural en desaparición (Porca Terra, 1979), Novoneyra intenta retratar, coma un fotógrafo imposíbel, un mundo tradicional que aínda existe, que el coñece por dentro, pero xa chamado á desaparición.

En 1962, Uxío Novoneyra volve pechar a maleta e marcha cara a Madrid. Durante catro anos traballa en radio en televisión, en programas culturais. Vive os días e as noites. Comparte tertulias con poetas e artistas españois e, ao mesmo tempo, mantén unha estreita relación cun grupo de galegos que serán cruciais para a conformación do nacionalismo moderno: o Brais Pinto.

En 1966, no mesmo ano que publica en Madrid 'Elegías del Caurel y otros poemas' (unha edición bilingüe dunha obra feita orixinariamente en galego), Uxío regresa á terra  para coidar duns pais maiores e xa moi enfermos. A eles e á escritora e amiga María Mariño (os tres xa finados) dedícalle a obra titulada Os Eidos 2 (Galaxia, 1974). Canda o eterno motivo da natureza, da paisaxe e dun modo de vida que se perde, aparecen poemas onde o poeta demostra unha evolución política firme cara ao compromiso con Galiza e cunha maior xustiza social: “(...) sabemos que ti podes ser outra cousa /sabemos que o home pode ser outra cousa” (Letanía de Galicia).

 O amor estábel chega a vida do poeta nunha etapa xa máis serodia. Con 38 anos coñece en Lugo a Elva Rei, que acabará sendo a súa dona, e coa que entre 1973 e 1983 vivirá a cabalo entre a cidade de Lugo e a serra natal. En 1979 chegan os Poemas Caligráficos. O compomiso cívico-político explicitado xa antes ten neste libro unha presenza constante e o poeta non quere esquencerse dos máis febles dos “difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón /do monzón” (Vietnam Canto).

En 1983 Uxío Novoneyra deixa terras luguesas para afincarse xa de xeito definitivo en Compostela. Dende un ano antes, o poeta é presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (cargo que ocupará até a morte) e o mundo literario recoñéceo unanimemente como unha das figuras máis importantes da poesía das últimas décadas.

Dende mediados dos 80, Novoneyra concéntrase en recompilacións e segundas edicións da súa obra. Así, por exemplo, en 1986 aparece 'Muller pra lonxe', poemas de temática amorosa publicados en revistas e obras colectivas entre 1955 e 1985.

A principios da década dos 90 publica o seu primeiro libro de narrativa infantil: O cubil do xabaril. Posteriormente aparecerán outros dous Gregorín e Cabezón (1992) e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998). Tamén novas incursións na poesía: Poemas de doada certeza (i este brillo premido entre as pálpebras), Betanzos: Poemas dos Caneiros e Estampas...

En 1999 unha grave doenza deixa ver que o camiño se esgota. Un 30 de outubro fina nun centro hospitalario da capital de Galiza. Poucas horas despois establécese o seu velorio no Panteón de Galegos Ilustres (algo que nunca acontecera cun persoeiro galego). Dende alí, mentres as campás do Courel ecoaban pola serra, partiu na última viaxe cara ao cemiterio lugués de San Froilán.

Case once anos despois, Uxío Novoneyra segue vivo na foto, mentres pousa a lousa no tellado quizais pensa nun tempo pasado no que aínda “neva no bico do cume / neva xa pola ladeira / neva no teito e na eira”.

Pode ler aquí unha completa biografía da obra de Uxío Novoneyra


4,81/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: