A canle de televisión viaxou até a Costa da Morte e conversou cos veciños de Muxía para analizar cal podería ser o futuro das vilas afectadas nos EUA polo chapapote.
Unha das fotos da reportaxe
Os estados do Golfo de México nos EUA redobran esforzos para conter o avance do chapapote cara a terra firme logo do intento errado de British Petroleum (BP) de deter o derrame cunha enorme caixa de aceiro e cemento. O vertido, que se podería converter no peor da historia do país, ameaza con provocar un desastre económico e ecolóxico nas praias, refuxios salvaxes e centros de pesca do Golfo de México.
O futuro é incerto e nun intento por anticipar as posíbeis consecuencias, a canle de televisión CNN desprazouse até a Costa da Morte, concretamente a Muxía, para constatar de primeira man como un territorio afronta unha catástrofe ecolóxica e económica deste tipo. Como é a Galiza post-Prestige máis de oito anos despois do afundimento do petroleiro ante as nosas costas.
"Foi unha das peores cousas que nunca vin", coméntalles o percebeiro muxián Ramón Vilela. "Pasamos tempos difíciles", afirma Xosé Soneira, pensionista que vive fronte ao peirao da localidade, a considerada Zona Cero.
Segundo a WWF, apunta a CNN, a contaminación matou unhas 250 mil aves mariñas. Ademais, recorda, a marea negra provocou perdas multimillonarias na industria pesqueira, e recolle testemuños sobre a baixada de capturas. Restos de chapapote aínda se poden ver pegados nas rochas, constatan, e destacan a mobilización daquelas de máis de 100 mil voluntarios.
"O problema non foi só económico, foi ecolóxico e especialmente de saúde", comenta Nacho Castro, xerente da Confraría de Pescadores de Muxía. "A día de hoxe aínda se está a facer estudos sobre o impacto da contaminación nos nosos corpos", engade. Por exemplo, cita a CNN, o da Universidade da Coruña que concluía que os voluntarios mostraban "un incremento no no nivel de dano xenético nos glóbulos sanguíneos". Tamén, tumores e mutacións xenéticas nos mariscadores.
Ao respecto da situación dos habitantes das vilas estadounidenses, á espreita da chegada do chapapote, o pescador Francisco Castro comenta: "Cómprelles moita paciencia. Nada pode parar a marea negra". E engade: "Está moi ben o que fixo Obama, facendo a BP responsábel".