A vila da comarca de Ordes celebra o vindeiro sábado a XVII edición do seu Festival Rock con debates centrados na cultura libre.
Commonsbaby.com, referencia na divulgación da música libre
Temos concellos que xa se declararon simbolicamente libres de transxénicos, de tourados...pero Cerceda vai ser o primeiro que se “independice” da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE). O acto vai ter lugar o vindeiro sábado 22 de maio coincidindo coa XVII edición do Festival Rock que este ano ten como tema central a Cultura Libre.
A xornada abrirase cunha mesa redonda que terá lugar ás 18.30 horas baixo o lema de “Bens culturais de uso común”. Na mesma tomarán a palabra a xornalista María Yáñez; Francisco Alvarellos e Xaquín Riera (socios da Casa de Música); Uxío Broullón (creador da plataforma commonsbaby.com); Samuel L. Paris, autor do libro de poemas Manual da destrución, editado baixo licenza creative commons; o cantautor Leo i Arremecághona, que distribúe o seu traballo con licenza libre; e o cercedense Martín Loureiro, membro do grupo Machina.
Durante toda a xornada, os bares da capital cercedense non pincharán ningunha música que estea suxeita á SGAE. Dende a asociación cultural Lucerna, organizadora do festival, informarán nos días previos sobre o sentido da reivindicación.
A partir das 22 horas, logo da lectura do manifesto polo cal se declara a vila zona libre da SGAE, comezará o concerto no que participará as bandas 12 Labirinto, Nao, Fracasados de Antemano, O Leo i Arremecághona e Selectah in Helicopta +Gendebeat.