Aínda que foi a formación máis votada, a CDU só conseguiu 6.200 votos máis (0,1%) que o SPD (socialdemócratas). A axuda a Grecia, posíbel causa.
A chanceleresa alemá, Angela Merkel
Os alemáns castigaron este domingo a coalición de dereita da chanceleresa Angela Merkel, a CDU, nos comicios dun estado crave, privándoa da maioría na cámara alta do parlamento federal, o Bundesrat, de representación territorial.
A perda das eleccións no estado de Renania do Norte-Westfalia (Nordrhein-Westfalen, en alemán) é un golpe para Merkel seis meses logo de asumir o seu segundo mandato e significa que terá que depender de partidos da oposición para cumprir coa súa axenda política, que inclúe recortes fiscais.
Aínda que foi a formación máis votada, a CDU só conseguiu 6.200 votos máis (0,1%) que o SPD (socialdemócratas). Isto significa que só o apoio dos Verdes permitirá gobernar. A dirección do SPD, ademais, non ve ben unha alianza co partido Die Linke ("A Esquerda"), que sumaron o 5,6% do sufraxio, do "traidor" Oskar Lafontaine.
Outra opción para o futuro goberno en Dusseldorf é unha gran coalición, mais segundo os analistas políticos parece improbábel polo menos polo momento.
As eleccións foron amplamente consideradas como un referendo para o goberno de Merkel, só dous días despois que a súa coalición apoiase no parlamento liberar miles de millóns de euros en axuda para Grecia, unha medida profundamente impopular entre os seus votantes.