Logo de que o diario El País se fixese eco dos atrancos da dirección da Radio Galega ao certame musical, Vieiros achega o documento que desmente os argumentos da emisora.
Primeiro decidiron deixar de apoiar o certame xusto no ano en que este cumpría o seu quinto aniversario, logo trataron de apropiarse da marca e cando Vieiros decidiu seguir apostando en solitario polo escaparate para os músicos do país, trasacordaron e anunciaron o seu propio concurso. Contámoslles anteriormente e polo miúdo dos paradoxais manexos arredor dunha iniciativa que se demostrara exitosa a prol dos músicos galegos.
Este xoves o diario El País recolle nas páxinas da súa edición en Galiza unha información ao respecto do conflito. Unha reportaxe onde a dirección da Radio Galega "nega" a versión exposta por Vieiros e afirman ter probas de que a idea é da súa propiedade. Paradoxalmente, esas supostas probas non son presentadas. A razón é clara: non existen.
De feito, ante teimosía da dirección da Radio Galega en apropiarse dunha idea que, por riba, ameazaban con deixar no caixón, Vieiros decide facer público, para despexar toda dúbida, o propio convenio de colaboración asinado en xuño de 2006. (Acordo CRTVG S.A e Vieiros S.L / .pdf). Un documento legal que non deixa lugar a sospeitas e no que se subliña que "Vieiros posúe en exclusiva todos os dereitos de propiedade intelectual necesarios para a realización dun concurso denominado 'Apologhit', que organizará e celebrará para promover entre autores e intérpretes novos a creación, interpretación e gravación dunha canción con letra en lingua galega". Destácase ademais que se trata dun certame orientado á procura dunha 'canción do verán'.
Representantes do PP xa criticaban o concurso no seu inicio
Segundo puido saber Vieiros, os reparos de algún dos representantes do PP no consello de administración da CRTVG cara ao concurso A Polo Ghit comezaron xa no inicio do traxecto do certame. Daquela, un dos membros do PP no consello de administración facía alusión crítica á colaboración da Radio Galega con Vieiros ao que cualificaba de "portal" que, na opinión deste portavoz popular en insinuación política "ten un claro sesgo" e "connotación".
Nesa mesma reunión do consello de administración o representante do PP solicitou que, de seguir adiante coa iniciativa Apologhit se lle ofrecese a outros portais. Ao fío desa solicitude, representantes da dirección da CRTVG fixéronlle saber, e así debería constar documentalmente, que o certame Apologhit era propiedade de Vieiros e de xeito concreto unha proposta ideada por María Yáñez, directora de Vieiros naquel momento.
De costas á música do país
No convenio de 2006 adxunto anteriormente expresábase ademais que a CRTVG estaba "interesada en colaborar na difusión de novas creacións musicais con letra en lingua galega, na súa programación destinada á mocidade, polo que ambas partes conveñen en prestarse mutua colaboración".
Unha vontade de apoio á música do país que a Radio Galega pareceu reducir significativamente desde o cambio na pilotaxe do ente en 2009 e que ten como episodios máis significativos o peche de Aberto por Reformas e do Extrarradio, espazos que se converteran en referencia na difusión dos grupos galegos. Tamén os desprazamentos na grella do televisivo Alalá e do radiofónico e de longa traxectoria Lume na Palleira. Este último trasladado á Radio Galega Música, emisora cun menor número de oíntes e peor recepción onde se mantén tamén en horario nocturno (23h) o magnífico Planeta Furancho.
Mentres, en menos de quince días, a páxina a prol de A Polo Ghit na rede social Facebook xa superou os 2.000 seareiros. Ao tempo un feixe de mensaxes chegaban á caixa de correo de Vieiros en apoio ao certame. Entre eles, tamén as primeiras pezas a concurso. Os estradenses Esquíos, coa peza 'Berto Habichuelo', os máis madrugadores candidatos a ghit. A continuación, desde as mariñas coruñesas, o cantautor Paris Joel agasallounos coa composición 'Máis non'. E de ben perto axitan os nosos oídos ao ritmo de 'A voda de Feijoo': son Los Santos. De seguido, chegou a 'Quimbumbia' dos Ulträqäns; 'A marajota', de O tren da unha show; 'Dá tanto', de NºLºS e 'Coruña, rabuña', de Amilenko.