"Shin Bet (axencia de seguridade interna) deporta o pallaso máis famoso de España á súa chegada a Israel", titula o rotativo esta quinta feira.
Iván Prado, en Palestina en 2009
O periódico israelí Haaretz recolle na súa edición deste quinta feira a expulsión de Iván Prado e a súa compañeira de viaxe, Laila T.Q., -galega de pai árabe- á súa chegada ao aeroporto de Tel Aviv o pasado 26 de abril.
Prado e Laila viaxaban con destino a Cisxordania coa intención de preparar o Festiclown Palestina 2010, previsto para o mes de outubro, entre os días 25 e 31. Mais axentes de seguridade do aeroporto Ben Gurion detivéronos e interrogáronos durante seis horas, acusados de ter ligazóns con "grupos terroristas" palestinos. Finalmente, foron deportados e os seus pasaportes confiscados.
"O incidente provocou a tensión entre a embaixada israelí en Madrid e o Ministerio de Exteriores en Xerusalén, causadas polas preguntas dos xornalistas españois á embaixada e alimentadas polo malestar dos diplomáticos ante a resposta de Exteriores de que Prado fora expulsado por razóns de seguridade", explica o diario.
O Shin Bet (nome polo que se coñece popularmente a Axencia de Seguridade interna de Israel) trasladou a Haaretz unha declaración oficial "onde se eluden detalles significantes" sobre as razón da expulsión, explica o xornal.
Comunicado do Ministerio do Interior israelí
"Recomendamos ao Ministerio do Interior que evitase a súa entrada a Israel logo de que as pescudas no control de seguridade provocasen sospeitas sobre el", sinala o comunicado. "O home rexeitou facilitar información completa ao persoal de seguridade, especialmente no que respecta ás súas ligazóns con organizacións terroristas palestinas", engade.
Ao respecto, Iván Prado aclarou a Vieiros que esa "información completa" incluía a exixencia das forzas de seguridade israelís para que abrise e permitise ver o contido da súa conta de correo electrónico. Desde o Ministerio de Exteriores recoñeceron que o incidente causou un grave dano a imaxe do Estado israelí no español, informa Haaretz.