As protestas sucédense en Grecia. Este martes, por segundo día, é a quenda dos funcionarios, precedendo o paro xeral convocado para a cuarta feira en todo o país.
Concentración na Acrópole, este luns
Contra os recortes salariais, as subidas de impostos e o atraso da xubilación que o Goberno quere pór en marcha para reducir o déficit e poder acceder a préstamos internacionais. O Plan de Austeridade acordado entre o Executivo de George Papandreu, a UE e o FMI leva a cidadanía grega á rúa un día si e outro tamén.
Os funcionarios públicos van á folga este martes por segundo día convocados polo sindicato Adedy. Os operarios da Aviación Civil tamén se adheriron ao paro, ao que estaban tamén convocados os empregados de Facenda, os traballadores dos ministerios e o persoal sanitario.
Servirá de anticipo da folga xeral de 24 horas prevista para esta cuarta feira en todo o país, e sucede as protestas que se rexistraron xa este luns. Centos de funcionarios municipais e empregados docentes protestaron en Atenas contra os recortes salariais e outras medidas.
Concentración no Partenón
Tamén operarios dos servizos de limpeza, policías e mesmo militares, que teñen prohibida a asociación sindical, manifestáronse fronte ao Parlamento pola perda de ingresos. Ademais, uns 200 militantes do Partido Comunista de Grecia tomaron a Acrópole e permaneceron concentrados ao pé do Partenón berrando consignas e cunha enorme faixa en que se podía ler en inglés: "Pobos de Europa, erguédevos".