O primeiro trofeo interuniversitario interrexional con barcos dragón terá lugar o 22 de maio nas augas do Miño.
As seis universidades da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal van colaborar este mes nun evento deportivo que terá lugar nas tamén simbólicas augas do Miño. O 22 de maio terá lugar o I Trofeo Interuniversitario Eurorrexional con Barcos Dragón, no que participarán equipos das universidades da Coruña, Santiago, Vigo, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro.
Equipos mixtos participarán nunha competición que terá un percorrido de sete quilómetros. O evento, promovido polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal (CEER), pretende fomentar a cooperación transfronteiriza cun evento anual que terá como referencia a regata Oxford-Cambridge.
Decidiuse escoller a modalidade de embarcacións tipo dragón polo seu fácil manexo, a súa vistosidade e a tradición que teñen en Portugal. Os equipos de cada universidade estarán formados por cinco mulleres, cinco homes, un temoneiro ou temoneira e un tamborileiro ou tamborileira.
A xornada contará con actividades paralelas, como pilates, esgrima, e-pop, artes circenses, aeróbic e bailes de salón ás beiras do Miño. Os cativos terán tamén a súa presenza nunha competición especial de barcos Dragón pola tarde, destinada a escolares de 10 a 14 anos.