O BNG di que a participación do conselleiro nun mitin aproveitando unha suposta viaxe institucional "lembra os tempos de Fraga".
O voceiro do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, queixouse este luns dos recortes aplicados pola Xunta aos orzamentos de Sanidade, Educación e Traballo (até 75 dos 200 millóns do axuste á baixa anunciado o pasado venres). En referencia ao conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, reclamou Aymerich que o recorte se lle aplique a gastos "como o da viaxe a Venezuela do señor Rueda, que tanto nos recordan aos tempos de Fraga e ao pago con cartos públicos de viaxes de membros do goberno para participar en actos de partido en latinoamérica". A acusación únese á lanzada a pasada semana polo PSdeG, desde onde acusaron ao departamento de Rueda de aumentar o gasto corrente na súa consellaría en até un 15% no que vai de ano.
Un Rueda que, xa que logo, aproveitaba a viaxe a Venezuela para apadriñar o novo presidente do PP venezolano, Felisindo López, nun acto onde cargou contra os "abusos e recortes" que, insistiu, o Estado "obrigou a facer á Xunta nos seus orzamentos". Ao fío, dixo o conselleiro de Presidencia que "malia os recortes do goberno central nos presupostos galegos a Xunta seguirá apoiando os emigrantes galegos".
Un exemplo do que o deputado nacionalista Carlos Aymerich cualificou de política de "ventanilla de reclamacións" por parte do actual equipo do presidente Alberto Núñez Feijoo, a quen instou a "poñerse a gobernar" e deixarse de laios e reclamacións "demostrando ser incapaz de resolver nada". Para o voceiro do Bloque é tempo de que Feijoo deixe de ampararse "na escusa do goberno central" para xustificar "a súa política de recortes nos servizos públicos".