Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Suso de Toro, escritor

"A vida son máis cousas: a miña carreira literaria como tal remata aquí"

Conversamos co autor compostelán logo de que este xoves anunciase na súa bitácora que despois de 16 anos ponlle fin á súa traxectoria de escritor profesional para volver ás aulas.

R. Noguerol - 15:50 22/04/2010

No caixón de Suso de Toro hai historias por contar, algunha mesmo comezada, así o confesa o autor santiagués. Pero nesta altura dos seus 54 anos dubida de se quedarán gardadas na gabeta para sempre ou abrollarán nalgún momento ao papel. "A vida son máis cousas ca esta", insiste en varios momentos da conversa.

Dubida Suso de Toro á hora de enfiar a reflexión ao respecto da decisión coa que este xoves sorprendía os lectores da súa bitácora. Despedíndome é o título do breve artigo onde anuncia que lle pon fin á súa carreira como escritor profesional. Preguntado ao respecto, o primeiro que afirma é sentirse "un privilexiado" pola experiencia profesional e vital acumulada durante estes anos. Cunha longa traxectoria como articulista e mesmo con convites laborais formais desde institucións universitarias á outra beira do Atlántico, subliña que malia ter a convicción de que podería seguir vivindo arredor da escrita e da palabra, no contexto actual non lle convence "o modo no que tería que facelo".

Tempo de cambios e crise, tamén na figura do autor literario
"Están cambiando as cousas", remoe Suso de Toro, afondando na súa perspectiva sobre o que considera que é un momento de transformacións no eido das industrias da comunicación e a cultura, o contexto da edición literaria incluído.

Un escenario de cousas "a morrer e a nacer" a un tempo. "E entre o que morre está, entre outras cousas, a posibilidade do autor literario que pode vivir do seu traballo", agoira. "Desde rapaz, fíxenme escritor con esa idea", relata, "pensei que era posíbel e que pagaba a pena vivir disto e considérome un privilexiado por telo conseguido". "Pero é un ciclo histórico que se cumpriu", indica, contextualizando a súa propia decisión nunha escena onde a nivel mundial e particularmente europea, o escritor santiagués ve a existencia dun tipo de literatura cuestionada polas mudanzas na comunicación, nas empresas e no mundo da cultura. "E tamén a propia desaparición dun público para certo tipo de propostas artísticas", láiase. Na opinión de Suso de Toro o modelo europeo que construíra espazos e garantías para a posta en valor e o destaque da importancia de formas culturais minoritarias está agora deteriorado. "Hoxe xa non se poñen as garantías para que iso poida existir", lamenta.

Ao tempo, repara tamén na evolución tecnolóxica. "As ideas e as formas cambian", repasa, mencionando o feito de que a lectura de xornais en papel vaia "camiño de desaparecer". "Hoxe temos xa unha xeración para a cal a súa forma de adquisición cultural é a pantalla", salienta, agoirando que o mesmo que acontece na tendencia ao abandono do xornal en papel vai en vías de suceder tamén co libro. E con todo, introduce De Toro unha faragulla de optimismo avaliando que "existe unha creatividade moi interesante asociada á rede e á xente nova".

Arelas dun país aínda por facer
"Os creadores fixeron o seu traballo, pero Galiza non camiñou abondo no seu proceso de construción como país, como nación", debulla Suso de Toro. Chama así a atención sobre a contradición fundamental que na súa opinión queda evidenciada na dialéctica entre a constancia e o esforzo dunha "vontade ilustrada" que se fixo sentir no país desde sempre e "os propios límites que Galiza amosou á hora de construírse como país".

Unha reflexión que, no plano social, retrotrae ao autor á reflexión ensaística que a comezos dos anos 90 deitaba no seu volume FM e ao respecto da cal, e diante da decisión agora tomada, aparécelle unha idea ben clara: "Daquela plantexábame un feixe de cousas, tarefas que imaxinaba para a cultura e a lingua, e practicamente nada diso se realizou". O fundamental está por facer, analiza, deixando así e todo refacho para a esperanza malia o balance negativo e o pesimismo co que afirma ver o futuro ao respecto desas arelas: "A xuventude hoxe non é máis parva, senón mesmo máis intelixente".

Que literatura e para quen?
"A nosa literatura é hoxe moito mellor", afirma con seguridade Suso de Toro á hora de valorar a evolución do panorama literario en Galiza durante os últimos lustros. Mais, advirte enfiando coa reflexión anterior, semellaría que a "a literatura galega é toda de autor" e, avisa ao respecto de que parecería que ao tempo que hai en Galiza "mellores novelistas ca nunca" a figura do 'autor literario' "foi un ciclo histórico que rematou".

"Desapareceu o receptor do noso traballo", teme o escritor compostelán, dubidando tamén das estratexias que a propia industria editorial é capaz de desenvolver para poñer en valor outro tipo de propostas literarias que vaian máis aló do "best seller de Stieg Larsson que hoxe len as persoas que onte lían libros de autor".

Un punto de inflexión logo de 'Sete Palabras'
Malia o anuncio público que agora realiza, non se trata dunha decisión tomada dun día para outro. Recoñece Suso de Toro que dalgún xeito é inevitábel vencellar este punto de inflexión vital co momento vivido arredor do proceso de creación do seu último libro: 'Sete Palabras', que non dubida en definir como "exame de conciencia".

"A miña profesión a partir de agora é outra e a miña vida é tamén outra", sentencia, afirmando sentirse disposto ao "importante salto psicolóxico" que agarda que lle supoña a volta ás aulas. "Toca aprender de novo", engade o compostelán, con praza xa para o regreso ao ensino nun instituto barbanceiro logo deste longo período de excedencia.

Haberá algún novo libro asinado por Suso de Toro? "Eu reflexiono sobre a práctica", resume. Apelando á vella máxima de Marx da relación entre o traballo manual e intelectual, sentencia o Suso que el é dos que reflexionan no día a día e sobre "a experiencia". Nunha recente entrevista no suplemento literario Protexta, deixaba caer o escritor unha certa idea de resignación ao respecto da relación cos seus 'colegas escritores' ante os que di sentirse como "unha figura antipática". Inquerido ao respecto, insiste en que non pretende queixarse: "Escribín o que quixen, e fíxeno en Santiago, na miña cidade, sen necesidade de emigrar, son un privilexiado".

"Eu sería incómodo en calquera sitio", chancea. "Sono para España, pero tamén aquí en Galiza". E agasállanos cunha definición do seu sentir vital: "Eu ando ao meu aire".


Ligazóns

4,76/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: