Malia coincidir con Camilo Nogueira e Xosé Manuel Lage na necesidade de avanzar na reforma estatutaria, Pedro Puy afirma que neste momento “as condicións non se dan”. Vídeo no interior.
Cando o Estatuto de Autonomía está a piques de cumprir os 30 anos de idade e cando as verbas “reforma estatutaria” desapareceron da primeira plana mediática, Pedro Puy (PPdeG), Xosé Manuel Lage (PSdeG) e Camilo Nogueira (BNG) coinciden en sinalar que a súa aprobación foi “a historia dun grande éxito”, un acontecemento que recoñeceu a Galiza o seu carácter nacional e conseguido grazas a un consenso exixíbel e necesario para o momento político actual. Até aquí, as concordancias que amosaron os tres políticos nun debate que sobre o tema organizou o Foro de Alumnos de Dereito, na facultade compostelá.
Cal é o Estatuto que Galiza precisa?
As diverxencias atopámolas nos vimbios que, na opinión de cada forza política, deberían conformar o cesto estatutario. Nunha liña de ambición decrecente, Camilo Nogueira entende que o Estatuto debe partir do recoñecemento de Galiza como nación, contemplar a cuestión da lingua e outorgarlle competencias plenas en materia de fiscalidade. Para Xosé Manuel Lage, debería supoñer “un incremento no teito competencial cara un exercicio máximo de autogoberno”, recoñecer as cuestións identitarias, reflectir un acordo en materia de ordenación territorial e organizativa (limitando, por exemplo o poder das Deputacións) e respectar a Constitución nun atrevido paso adiante cara o federalismo.
Finalmente, Pedro Puy apuntando que o actual Estatuto “aínda está por desenvolver en moitos dos seus aspectos”, defende “un máximo competencial dentro da Constitución” e reformas no ámbito institucional (marco de relacións entre Galiza, o Estado e a Unión Europea), ademais de pedir unha consolidación dos dereitos xa recoñecidos ós cidadáns. Ao respecto da fiscalidade, defendida por BNG e PSdeG, o deputado popular subliña que “a Axencia Tributaria Galega pode crearse mañá mesmo no marco da actual lexislación” e, nunha acérrima defensa “dos tributos que aínda lle pode render ao país o actual Estatuto”, aínda nos dá outro titular: “o Grupo Popular vaino levar ao Parlamento en breve”.
Haberá reforma nesta lexislatura?
“É unha cuestión que o PPdeG leva no seu programa”, apunta Pedro Puy en resposta ás acusacións de “parálise” no debate estatutario que Lage e Nogueira lle atribúen ao seu partido. Deixando á marxe “o gran fracaso do conxunto das forzas políticas na anterior lexislatura”, Puy adianta que no futuro “debe haber un pacto de mínimos” antes de sentárense a negociar: “non podemos botar dous anos de xuntanzas para finalmente non chegar a nada”, afirma. Con todo, asegura que “no momento actual non se dan as condicións para botar adiante un novo Estatuto” e explica cales son os condicionantes cos que non contamos: primeiro, a predisposición por parte dos partidos a falar en serio e comprometerse cunha reforma tendo en conta que “ten que ser un Estatuto para todos e de todos”; e segundo, o “conflito constitucional aberto en Cataluña” e que deberá despexar o futuro da norma galega.
Este reiterado chamado á Constitución é contestado por Camilo Nogueira. Na necesaria reforma do Estatuto enfróntanse, di, dúas forzas: dunha banda, os partidarios do recoñecemento nacional e das súas identidades culturais e lingüísticas e da outra o poder político e mediático, que se constitúe como antagonista do Estado das Autonomías. “A Constitución é utilizada como un muro mais que como unha norma de convivencia”, di ao tempo que subliña que para acometer a máis grande cesión de competencias do Estado Español, a súa incorporacion na Unión Europea, non foi necesaria modificación ningunha da Constitución.
“Imos ver se a reforma vai ser ou non posíbel nesta lexislatura”, di pola súa parte Lage quen subliña que “a responsabilidade é de quen goberna”. Despois de destacar que “a época máis proveitosa para Galiza en materia de transferencias competencias se correspondeu co bipartito (80 competencias das 155 acadadas nos últimos 29 anos), defende a cohesión social e o respecto á Constitución como puntos de partida. A maiores, coincide con Nogueira e Puy na demanda de diálogo como elemento indispensábel para conseguir o Estatuto que Galiza precisa: “a reforma ou é de todos ou non é de ninguén”, conclúe.