Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Sharon Roseman, antropóloga

"Coidar e festexar o patrimonio dálles aos novos ferramentas coas que desenvolveren as súas identidades"

Conversamos coa profesora canadense, con máis de vinte anos de investigación en Galiza, e que estará no congreso 'Pontes de Futuro'.

Ponte nas Ondas - 11:40 20/04/2010

Falar de Antropoloxía en Galicia no contexto internacional é dicir Sharon Roseman. Como chegou a Galicia?
Cheguei a Galicia porque nunha aula de lingua castelá durante a miña carreira, o profesor subliñou que se falaban varias linguas en España. Como era alumna de antropoloxía, empecei a ler sobre os temas de plurilingüísmo e de variedade cultural en España e noutras partes de Europa.

Por que estudou Galicia?
Creo que foi en gran parte porque lin unhas obras de antropoloxía sobre Galicia e quería aprender máis facendo traballo de campo en vez de só o que se podía apreciar a través dos libros.

Que diferenzas e semellanzas notou con Canadá e Terranova?
Hai moitas diferenzas e semellanzas. Podo indicar uns exemplos.

Canadá é un país composto de residentes que pertencen a moitas nacións indíxenas que sufriron o impacto do colonialismo, e tamén de xente dunha multitude doutras partes do mundo. Dicimos que é un país caracterizado pola historia do colonialismo e despois por varias ondas de inmigración que seguen hoxe en día. Tamén, por suposto, sempre había emigración de Canadá. Sobre todo, cruzábase a fronteira cos Estados Unidos para encontrar traballo. Galicia foi un país de emigración aínda que sempre había xente chegando desde fóra tamén. No novo século podemos ver que hai máis residentes de Galicia que naceron noutras partes do mundo. Neste sentido hai menos diferenzas entre os dous lugares que anteriormente.

Cando Canadá se converteu nun país independente, desenvolveu unha estrutura federal que deixa moitas competencias ás “provincias” en vez do goberno federal ou central (por exemplo, Educación, Sanidade). Agora, no sistema parecido que hai en España, Galicia é unha Comunidade Autónoma. Daquela hai varias semellanzas entre os dous sistemas políticos.

Canadá e Galicia teñen tamén en común a idea de “bilingüismo”. Como hai o galego e o castelán en Galicia, no caso de Canadá hai dúas linguas oficiais: o inglés e o francés. Pero como no caso de inmigrantes a Galicia, é verdade que se poden escoitar máis que dúas linguas nas rúas de Canadá onde se falan moitas linguas (as indíxenas e as dos pobos inmigrantes).

A provincia de Terranova e Labrador non pertenceu a Canada ata o ano 1949. Como en Galicia, a xente de Terranova e Labrador ten un patrimonio distinto do resto do país e unha identidade forte. Foi a última provincia que se incorporou ao país de Canadá. Non foi algo fácil e sinxelo; houbo un referendo para decidir e só pouco máis do 52% votou para confederación con Canadá. Entón moita xente estaba en contra.

Como no caso de Galicia, a xente dos asentamentos costeiros de Terranova e Labrador ten un patrimonio importante baseado na pesca. Tamén, hai moita xente en Terranova descendente de Irlanda e entón hai un patrimonio celta na illa como noutras rexións de Canadá. Por exemplo, na provincia lindeira de Nova Scotia hai moitos descendentes de Escocia e de Irlanda.

Que importancia tivo o traballo de campo antropolóxico na súa vida?
O traballo de campo antropolóxico tivo unha importancia moi profunda na miña vida. Ensinábannos a súa importancia durante os meus anos estudantís pero foi distinto experimentar ese método eu mesma. Sobre todo, na parroquia de Santiago de Carreira no concello de Zas (provincia de A Coruña), encontrei un lugar onde me sentía como ‘na casa’. Aprendín a importancia de chegar a un entendemento sobre como pensan e viven as persoas a través deles mesmos en vez dos modelos abstractos, e de apreciar como as cousas poden cambiar co tempo.

Cal a súa relación coas universidades galegas e portuguesas?
Teño vínculos con antropólogos e outros profesores da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade de A Coruña e da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Invitaronme a dar conferencias e aulas nos dous campus (Santiago e Lugo) da Universidade de Santiago de Compostela, e nos campus de Chaves e Vila Real da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Entre varios profesores dos dous lados do Atlántico, organizamos dous congresos sobre os estudos galegos e os estudos de Terranova e Labrador: un tivo lugar en St. John’s e o outro en Santiago de Compostela. E colaboramos (e seguimos colaborando) en varias publicacións coas revistas e editoriais de Galicia, Canadá, e o Reino Unido.

Que opina da situación actual da cultura galega?
Eu creo que hai moitas posibilidades para reforzar a cultura galega no futuro aínda que afronta varios retos. Cando cheguei a Santiago de Compostela por primeira vez, non me contestaban en galego, por regra xeral. Como tiña un certo acento, supoño que a moita xente parecíalle que unha estranxeira como eu falaba o castelán. Despois aprendín a falar o galego e a entender a cultura galega, onde fixen o meu primeiro traballo de campo, na parroquia de Carreira en Zas. E a través dos anos, encontraba outras reaccións distintas cando visitaba Santiago de Compostela. Estamos falando dos primeiros anos da década de 1990. Eu creo que agora non é tan raro escoitar un estranxeiro falando en galego con acento e iso significa algo. Creo que hai moita máis xente agora que anteriormente noutros países que sabe non só algo da cultura e da lingua galega pero tamén da loita que levan os galegos para reforzar a súa cultura. É debido ao liderado de moitas asociacións e persoas, como “Ponte…nas Ondas!” e a Asociación de Veciños “O Santiaguiño de Carreira” de Zas que eu estudei. Por exemplo, cando fixen o meu primeiro ano de traballo de campo en Carreira, preguntaba sobre o traballo de liño e as veciñas mostráronme varias teas gardadas que se fixeran no pasado. Agora, recuperaron a artesanía de liño e teñen moito éxito. Vive outra vez nesta parroquia unha artesanía do patrimonio galego.

Xa deu aulas en universidades galegas e portuguesas (ex.: UTAD), Que opina das relacións galegas con Portugal? E cal debería ser o papel das universidades?
Eu encontrei que había fortes relacións entre vilas como Chaves no norte de Portugal onde din clases e Galicia, e tamén que se podían fortalecer máis no futuro. Para poñer un exemplo, sorprendíame que non se vían moitos programas de televisión galegos en Portugal e que non había programas frecuentes en portugués nos canais de televisión en Galicia. As universidades podrían xogar varios papeis incluíndo o de organizar novas investigacións aplicadas con grupos de traballo compostos de profesores de Galicia e de Portugal.

Ten algunha opinión sobre a candidatura a patrimonio inmaterial da humanidade das tradicións orais galego-portuguesas?

Eu creo que a candidatura é moi forte e espero recibir as novas de seu éxito. Son tradicións moi importantes no mundo e por iso creo que ten boas expectativas.

Cal debe ser o papel do patrimonio cultural común no futuro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ?
O patrimonio cultural común debe xogar un papel fundamental na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. É moi importante ver o patrimonio cultural como algo equivalente aos outros elementos que hai en común e que se pode desenvolver máis. Tamén creo que é importante ter institucións específicas que poñan énfase no patrimonio cultural (por exemplo, exposicións que viaxan entre os museos portugueses e galegos), e ao mesmo tempo hai que recoñecer que o patrimonio cultural é inextricable das relacións económicas, políticas, e outras.


Logo de 15 anos de existencia, cal a súa perspectiva do papel da asociación e movemento socioeducativo "Ponte...nas Ondas!" no contexto educativo e social de Galicia e Portugal?
Eu creo que a asociación e movemento socioeducativo “Ponte…nas Ondas” ten un papel forte e impresionante no contexto de Europa e tamén no mundo enteiro. A colaboración dos alumnos e profesores de tantos sitios nos proxectos colectivos é un exemplo dun esforzo moi vivo e continuo que sempre pensa no futuro. Coa expansión das súas actividades que tivo lugar nos anos recentes dá por sentado que vai ter cada vez máis influencia.

Necesita Galicia unha licenciatura en antropoloxía máis alén da UNED?
Eu creo que en moitos sentidos é bastante necesario. En Galicia, hai moitos antropólogos importantes. En Terranova e Labrador, temos unha poboación de 500.000 habitantes e temos unha licenciatura, dous másters, e un doutoramento en antropoloxía na nosa universidade de Memorial. En Canadá, hai unha licenciatura en antropoloxía en todas as provincias e nas poboacións máis numerosas hai varias. Por exemplo, na provincia de Québec hai cinco departamentos de antropoloxía e moitos máis centros onde se pode estudiar a antropoloxía.

Que fai un antropólogo que non faga outro científico social?
O traballo de campo prolongado.

Cal a súa opinión do que algúns chaman antropoloxía aplicada? 
Cando eu estudaba, había a idea dunha distinción máis ríxida entre a antropoloxía aplicada e a antropoloxía académica. Hoxe en día non se destingue entre as dúas cousas tanto como antes. A antropoloxía aplicada é cando aplicamos os métodos e os datos antropolóxicos para intentar resolver ou mellorar algo, normalmente en colaboración coas comunidades e persoas afectadas. Hai varios termos que suxeriron para indicar que se pode aplicar a antropoloxía de varias maneiras. Por exemplo, fálase de ‘antropoloxía pública’ e de ‘antropoloxía comprometida’.

Que futuro para o patrimonio cultural en Galicia e Portugal? Que usos sociais se lles poden dar?

En antropoloxía dicimos que non perdemos as pertenzas dos patrimonios culturais se seguimos cultivando os novos usos sociais deles ao lado dos usos do pasado que herdamos. Eu creo que hai futuros fortes para o patrimonios cultural en Galicia e Portugal se a xente comprometida, como os que levan Ponte . . . nas Ondas!, seguen mostrando os usos antigos e estando abertos aos novos usos que suxiren. No mundo global, se non coidamos e festexamos o nosos patrimonio, non damos ás novas xeracións as ferramentas coas que poden desenvolver as súas identidades. Non se pode formar unha identidade só a través do consumismo ao que se enfrontan todos os días. A Rede crea unha oportunidade, fai posible estender as conversacións sobre os varios patrimonios do mundo, incluso entre comunidades de galegos e portugueses vivindo fóra. Eu dou aulas a moita xente nova e sei que loitan para entender como pertencen ao mundo de hoxe e, por suposto, ao mundo do pasado.

Que papel deben ter os sistemas educativos na transmisión do patrimonio cultural galego-portugués ?
Eu creo que hai un papel decisivo para os sistemas educativos, desde as escolas primarias ata as universidades. E non só a través do currículo que forma parte da docencia oficial pero tamén na organización de congresos, obradoiros, exposicións, publicacións, e materiais audiovisuais dirixidos ao público xeral.

A orixe común da lingua galego-portuguesa e as primeiras testemuñas literarias como “as cantigas de amigo” son unha das manifestacións culturais máis coñecidas da cultura común galego-portuguesa. Que lle parece a edición do proxecto Cores do Atlántico ?
Creo que é magnífica e espero que haxa edicións dispoñibles en moitos países para divulgar a cultura galego-portuguesa. Ten varias dimensións na mesma obra: o estudo de Ria Lemaire do contexto e significación das cantigas de amor, as láminas de Quique Bordell, a adaptación das letras das cantigas de Gonzalo Navaza, e a integración dos elementos musicais africanos e brasileiros nunha presentación das cantigas de amigo coa colaboración impresionante de grandes músicos e cantantes dos tres continentes: Socorro Lira, Caiana de Crioulos, Margareth Menezes da Bahía, Cida Moreira, Eneida Marta, João Afonso, Teresa Paiva, Leilía e Uxía.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: