15 agrupacións veteranas, coa presenza de moita mocidade entre o público, protagonizan en Tordoia unha foliada que se estendeu até as 8.30 horas do domingo.
Máis de 300 persoas participaron esta fin de semana na Ruada de Cabaleiros, unha foliada protagonizada por 15 agrupacións veteranas da comarca de Ordes que se celebrou na Sala Calviño de Pontepeda, en Tordoia.
A festa, moi animada e con participación espontánea da mocidade na interpretación das pezas, estendeuse das 22.00 horas do sábado até as 8.30 do domingo. Encargouse da súa organización a Asociación Cultural Brisas do Quenllo en colaboración co Concello de Tordoia e a Asociación O Buxo.
Entre as agrupacións que subiron polo escenario estaban as Pandereteiras de Anxerís, Faíscas da Pontraga, os pandereteiros e bailadores da Pontraga, o gaiteiro Flor da Maquía e grupos de Seixán, Santaia, Trazo, Cabaleiros, Viladabade, Cerceda, Val do Dubra e Bedrobe.