Miles de voos foron cancelados por mor do peche de boa parte do espazo aéreo do continente. As restricións chegaron xa a parte da Península Ibérica.
A nube de cinza procedente do volcán islandés Eyjafjallajökull está a provocar o meirande caos aéreo da historia de Europa. Millóns de pasaxeiros quedaron en terra pola imposibilidade de que os avións despegasen dos principais aeroportos do continente, o que tamén lles afectou ás persoas que dependían de escalas nesas terminais. O espazo aéreo de 20 países está pechado, cando menos, até o luns.
Aínda que a borrasca situada ao oeste de Portugal mantiña afastada a cinza da Península Ibérica, a súa parte nororiental xa se viu afectado pola contaminación volcánica. Así, Aena deciciu pechar o tráfico en máis de 10 aeroportos de Cataluña, Navarra, Euskadi, Cantabria e Asturias. Galiza, polo momento, está libre desta restrición. O peche está previsto entre as 8:30 até as 16 horas do domingo.
O colapso do tráfico aéreo fixo que dúas aeroliñas fixesen voos de proba sen pasaxeiros, que até o momento tiveron éxito. Entre tanto, a erupción do Eyjafjallajökull comeza a dar sinais de debilitamento, o que, segundo algúns expertos, podería ser sinal doutro fenómeno volcánico aínda máis grave, se entrase en erupción o veciño volcán Katla, moito meirande. Ademais, aínda que cesase a actividade volcánica, as cinzas poderían manterse no aire durante semanas.