Nick Clegg tería superado ao laborista Gordon Brown e o conservador Cameron. As formacións de Gales, Escocia e Úlster non foron convidadas.
Novidade no escenario electoral británico, a canle ITV acolleu un debate televisado entre os candidatos das principais formacións políticas que optan ás inminentes eleccións no Reino Unido. Unha confrontación que, á luz das primeiras enquisas e avaliacións da prensa británica semella ter beneficiado ao terceiro en discordia, Nick Clegg, dos liberais-demócratas, por diante de David Cameron dos tories e o actual primeiro ministro Gordon Brown, do Partido Laborista.
A política interna era o asunto deste primeiro enfrontamento, que terá citas temáticas posteriores respectivas sobre política internacional e economía e orzamentos. Unha das polémicas previas a este debate foi a marxinación das formacións nacionalistas de Escocia e Gales, excluídas da cita televisiva. Ao respecto, o líder do SNP, Alex Salmond, advertiu que "o Reino Unido está integrado por catro países, e ignorar a tres deles nos debates é unha manipulación política que falsea a realidade".