Coincidindo coa presentación que a Xunta fixo no Parlamento da orde eólica para a asignación de 2.325 MW, a oposición zoupa de novo contra o proceso.
Insistiu o conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, este martes no Parlamento na "máxima celeridade" do seu departamento á hora de meterlle man ao sector eólico en canto o seu equipo pisou os despachos do poder. Iso si, foi ben diferente a interpretación que desa velocidade se escoitou na quenda de Guerra con respecto ás dos respectivos voceiros da oposición.
Segundo defendeu o conselleiro, o Goberno quixo virar a "parálise do sector" durante os últimos catro anos, e procurar que Galiza "recupere o liderado perdido no eido eólico". Nesa liña asegurou Xavier Guerra que ese tempo comeza a recuperarse coa Lei de Aproveitamento Eólico e a orde de asignación de 2.325 MW. Para Guerra, deste xeito, créase un contexto "seguro" para as empresas, tecnicamente "impecábel" e "obxectivamente parametrizada".
Para o conselleiro, a Xunta do PP tamén contrapón diante do concurso convocado no seu día polo bipartito novas garantías de "solvencia" das solicitudes na actual convocatoria da man dos avais. "E non para favorecer nin prexudicar a ningunha empresa solvente, senón para evitar a especulación", teimou. Segundo o responsábel de Economía e Industria, o executivo anterior "favorecía claramente a participación de empresas realmente insolventes para acometer unha importante inversión".
Antes dábanllo a cuñados, agora a grandes empresas, censúranlle ao PP
Ás argumentacións do conselleiro retrucou por parte do grupo do PSdeG o seu voceiro en materia de Industria e Innovación, Abel Losada, quen acusou o PP de abrir a porta con esta normativa á "discrecionalidade” e poñer "en serio perigo" a imparcialidade do proceso. Na opinión do deputado socialista, a orde deseñada pola consellaría de Guerra é "un chanchullo formalizado matematicamente”, pero subliñou, "segue sendo un chanchullo".
Para o deputado vigués, na práctica, o proceso deseñado polo PP pretende que as adxudicacións do sector eólico que en tempos de Fraga eran para "os cuñados" agora sexan para "as grandes empresas". Segundo Losada, claramente queda en cuestión a imparcialidade do proceso e ábrese a pota para as grandes empresas enerxéticas dos "amigos de Feijoo".
Pola súa banda, o ex conselleiro Fernando Blanco chamou a atención sobre varios aspectos nesta orde. Dunha banda criticou que nos chamados proxectos de especial transcendencia non figura a comisión encargada de valoralos sendo esta responsabilidade do propio conselleiro "o que significará que por unha parte limitan e por outra abren a porta" e que os promotores presenten as súas solicitudes "sen integralos en grupos de empresa como obriga a propia lei de comercio". Por outro lado, Blanco censurou que se pretenda eliminar "aos que non sexan grandes" e que os bancos se presenten a este concurso eólico "o que limitará a capacidade de moitos grupos galegos a poder presentarse por non contar cos avais e garantías oportunas".