Así comezaba unha das declaracións gañadoras do certame "Lingua de amor" organizado polo Consello da Xuventude. Convocada xa a edición 2010.
"Lembras como ós 20 anos faciamos o amor case todos os días? Hoxe sen te decatar, fasme cóxegas cada noite baixo a manta da cama fría. Lembras esas mañás nas que ías ó mercado para me traer laranxas do día? Hoxe enfádaste porque non che deixo saír á rúa sen compañía. Porque 65 anos despois non lembras mais seguímonos Amando igual que o primeiro día". Estas breves pero intensas frases, baixo o título 'Laranxas do día', saídas do maxín da carralesa Bibiana Caamaño, mereceron o primeiro premio nunha das categorías da edición 2009 do certame organizado polo Consello da Xuventude.
A iniciativa chega vizosa á súa cuarta edición e co mesmo espírito: incitar a mozos e mozas a empregar o galego para o amor, para as declaracións románticas, para os espazos máis íntimos. E desta volta, e tal e como subliñan desde o servizo de normalización lingüística da entidade, a convocatoria volve ser dobre: unha modalidade de "declaracións de amor" e outra de "cancións de amor". Hai un feixe de premios estabelecidos en dúas categorías, unha para a mocidade de entre 14 e 19 anos e outra para a mocidade de entre 20 e 35 anos. O prazo está aberto deica o 28 de maio de 2010. A partir de aí ábrese unha quenda de votacións que durará até o 6 de xuño. Todas as bases polo miúdo no espazo Lingua de amor.