Cun crecemento demográfico centrado nas grandes urbes, a OMS alerta das negativas consecuencias sanitarias.
Accidentes frecuentes, aglomeracións urbanas, mal subministro de auga potábel, incremento de enfermidades crónicas, falta de hixiene ou violencia. Estes son algúns dos riscos sanitarios que identifica a Organización Mundial da Saúde (OMS) que alerta de que, malia ofrecer nalgúns casos máis comodidades, as grandes urbes ofrecen tamén riscos e ameazas para a saúde.
Enfermidades crónicas
Todo o crecemento demográfico dos vindeiros 30 anos concentrarase previsibelmente nas grandes cidades, onde en 2030 se agarda que vivan seis de cada 10 habitantes do planeta. A consecuencia xa está a ser a degradación das condicións de saúde, por mor de factores como a insuficiencia de infraestruturas, a propagación de enfermidades infecciosas e o aumento de enfermidades crónicas por mor de estilos de vida pouco sans.
Auga potábel
O limitado acceso á auga potábel será outro grande desafío dun mundo cada vez máis urbano. Se ben, o 94% dos residentes das cidades en países en desenvolvemento contan con, polo menos, 20 litros de auga diarios, segundo a OMS os riscos de contaminación son moi elevados. Asemade, o organismo da ONU tamén alerta de que o 24% da poboación urbana non conta con servizos mínimos de saneamento (como baños ou retretes conectados a un sumidoiro) e que os 170 millóns de residentes en zonas urbanas marxinais carecen de latrinas.
Contaminación
O amoreamento da poboación nas urbes tamén ten habitualmente outras consecuencias na súa saúde, como a amplificación de factores como a contaminación dos alimentos ou da auga, dos altos niveis de ruído e contaminación atmosférica, os verquidos químicos, os desastres naturais ou o brote de enfermidades.
De 35 a 75 anos de vida
A OMS fixo así un chamado ós gobernos para que planifiquen o futuro das súas cidades e asegura que unha boa xestión pode elevar a esperanza de vida aos 75 anos ou máis. Pola contra, unha mala planificación baixaría a esperanza até os 35 anos.
Por exemplo, no campo da seguridade humana propón: a elaboración de políticas e programas para reducir a violencia, leis e regulamentos que melloren a seguridade viaria e unha mellor planificación das cidades que inclúa vías para camiñar e andar en bicicleta, así como lugares seguros para encontros públicos. Tamén suxire a elaboración de políticas e programas que axuden a reducir o consumo ou o abuso do tabaco, o alcohol e as drogas ou que promovan a actividade física. Con respecto á infraestrutura urbana, fai fincapé na necesidade de que as cidades conten con espazos públicos limpos, transporte público eficiente, reciclase, enerxía renovábel ou espazos verdes, ademais de medidas para reducir a contaminación ambiental, do aire e sonora.