Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise: República clave no control da rexión

Bases militares estadounidenses e rusas conviven en Quirguicistán

Os expertos citados por medios e axencias internacionais destacan o seu "alto nivel de democracia" malia a división étnica interna e a ser o país máis pobre de Asia Central.

Fernando Arrizado - 16:30 08/04/2010
A saída de Bakiyev culmina a revolta

A saída de Bakiyev culmina a revolta

Quirguicistán, país de 5,5 millóns de habitantes que fai fronteira con China, Takhiquistán e Usbequistán, é o país máis pobre de Asia Central. Porén, este dato non impide que sexa considerado polos expertos citados por medios e axencias internacionais como un dos que goza dun máis "alto nivel de democracia" na zona.

Desde o colapso da URSS, en 1991, é un país independente que require das importacións para cubrir as súas necesidades enerxéticas. De feito, unha das principais causas das protestas desta semana ten que ver co rápido e elevado medre dos prezos da electricidade e dos combustíbeis empregados para os sistemas de calefacción.

Ademais, tamén sofre a división étnica que provocou estalidos de violencia puntuais. Arredor do 70% da poboación é quirguiz, mentres que un 15% é usbeca (moitos refuxiados dos combates de 2005 en Andijan, Usbequistán) e concéntrase no sur do país. Precisamente é nesta zona onde as tensións entre as dúas comunidade pola propiedade da terra son máis frecuentes, informa a BBC.

2005 foi tamén o ano en que se produciu unha revolta popular, xurdida a partir das denuncias de intervencionismo do goberno nas eleccións ao Parlamento e alimentada pola pobreza, a corrupción e as medidas antidemocráticas e contra os dereitos civís.

Como consecuencia, Askar Akayev, presidente quirguiz desde a independencia, foi deposto. Substituíuno o até esta cuarta feira máximo mandatario do país, Kurmanbek Bakiyev, que durante os seus mandatos non foi quen de recuperar por completo a credibilidade con que contaban as institucións do país até 1991.

Clave na rivalidade EUA-Rusia en Asia Central

Mais posibelmente o que chama máis a atención da República Quirguiz é que conta con bases militares tanto de Rusia -arredor dun 9% da poboación é rusa- como dos EUA. O país é clave para as dúas potencias no control de Asia Central. Especialmente para a segunda, dentro da súa campaña por conter o avance das guerrillas islamistas.

Os estadounidenses estabeleceron unha base aérea en 2001, perto da capital Bishkek, para dar cobertura ás operacións militares en Afganistán. Bakiyev ameazou con a pechar en outubro de 2008 logo de acordar un préstamo económico co Kremlin.

Finalmente, botouse atrás cando a Casa Branca aceptou pagar o triplo do que abonaban anualmente polo seu arrendamento. Semanas máis tarde, Quirguicistán aceptou que Rusia abrise unha segunda base militar -aínda sen facer- co que se pretendía un equilibrio de forzas entre potencias. Estes alugueres son unha importante fonte de ingresos.

Foreign Policy
destaca que a violencia das revoltas da última semana, malia ir en aumento nos últimos tempos, colleu por sorpresa a todo o mundo. Membros no exilio consultados pola publicación estadounidense culpan o goberno.

Ademais, analistas especializados desbotan que se estea ante unha "revolución de cor", tan do gusto dos países occidentais, mentres que outros se preguntan como é que a Administración Obama non viu ou non quixo ver o que viña acontecendo nos últimos meses.

  • Última información, en inglés, nas axencias locais: AKI | 24.kg | Kabar


FIGURAS CLAVE

Kurmanbek Bakiyev

(Información achegada pola 'BBC')

O enxeñeiro Kurmanbek Bakiyev (1949) púxose á fronte da Presidencia logo do golpe contra Askar Akayev. Gañou a reelección o pasado mes de xullo co 89% dos apoios, mais os comicios foron denunciados como antidemocráticos pola oposición e por observadores internacionais.

A loita contra a corrupción e a redución da pobreza foron os dous principais obxectivos do seu goberno no primeiro mandato. Mais desde a súa chegada, varios deputados morreron asasinados e o crime organizado medrou.

As protestas, que se incrementaron a partir de novembro de 2006, obrigárono a asinar varios decretos que proporcionaban maiores competencias ao corpo lexislativo, aínda que poucas semana despois volveu revisar esas medidas. Ante a presión, accedeu a designar un membro moderado da oposición como primeiro ministro en 2007.

Roza Otunbayeva
(Información achegada pola axencia 'Reuters')
Roza Otunbayeva naceu o 23 de agosto de 1950 na cidade de Osh, no sur de Quirguicistán. Licenciada en Filosofía pola Universidade Estatal de Moscova, ocupou por vez primeira o cargo de embaixadora quirguiz no Reino Unido.

En 2005 foi unha figura clave na revolución que depuxo a Askar Akayev, o primeiro presidente do país trala independencia da URSS en 1991, e levou ao poder ao até esta cuarta feira máximo mandatario, Kurmanbek Bakiyev.

Otunbayeva bautizou as protestas de ahi cinco anos como "Revolución Tulipán" contra a corrupción. Líder da oposición que comunica ao mundo a destitución de Bakiyev, asume o goberno de transición para os vindeiros seis meses co fin de redactar unha nova constitución.


PRINCIPAIS DATAS
(Fonte: Axencias internacionais)


1990
Verán - Unhas tres mil persoas morren nos enfrontamentos entres usbecos e quirguices.

1991
31 de agosto - Quirguicistán declara a independencia da URSS.
13 de outubro - Askar Akayev, candidato único ás presidenciais é elixido, mais rexeita convocar as lexislativas.

2003
23 de outubro - Rusia abre en Quirguicistán a súa primeira base militar no estranxeiro desde a caída da URSS.

2005
27 de febreiro - Primeira volta das parlamentarias baixo acusacións de control dos medios.
Marzo
- Na segunda volta confírmase que a oposición só consegue uns poucos representantes, mais controla Osh, a segunda cidade do país. As protestas reclamando a dimisión de Akayev esténdense por todo o territorio, e a Policía ameaza co uso das armas. Bakiyev asume a Presidencia logo de Akayev fuxir do país, aínda que non resignar.
10 de xullo - Bakiyev gaña as presidenciais co 88,9% dos votos.

2006
8 de novembro - O Parlamento adopta unha nova constitución que reduce os poderes do presidente, logo de este ceder ante a presión da oposición.

2009
19 de febreiro - O Parlamento aproba pechar a única base militar aérea dos EUA en toda Asia Central. Washington accede a pagar 180 millóns de dólares (uns 135 millóns de euros) para a manter aberta.

2010
17 de marzo - Comezan as protestas que rematarían coa destitución de Bakiyev esta cuarta feira, cun elevado número de mortos e de feridos nos últimos días.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxes das protestas na capital do país, esta semana
Imaxes das protestas na capital do país, esta semana
O xa ex presidente de Quirguicistán Kurmanbek Bakiyev
O xa ex presidente de Quirguicistán Kurmanbek Bakiyev
Roza Otunbayeva, líder da oposición que encabezará o goberno provisorio
Roza Otunbayeva, líder da oposición que encabezará o goberno provisorio