Fixo o anuncio no mesmo día que se coñece a saída do goberno da tenente de alcalde Concepción Burgo, que se dedicará exclusivamente ao Parlamento.
Cando falta pouco máis dun ano para as eleccións municipais, o alcalde lugués, López Orozco, xa anunciou este mércores que será o candidato do PSdeG xa que ten ganas de repetir e conta con todos os “parabéns” do partido. O rexedor lugués deu a coñecer a súa vontade nunha conferencia de prensa na que tamén anunciou que Concepción Burgo, tenente de alcalde e responsábel da área de Cultura, vai saír do goberno local para dedicarse de xeito exclusivo ás tarefas no Parlamento de Galiza.
Orozco sinalou que se crea unha gran área municipal que abranguerá Cultura,Turismo, Deportes e Educación e que terá como director da mesma ao concelleiro Xosé Manuel Díaz Grandío. Tamén se incorpora como edil, en substitución de Concepción Burgo, Nuria Mundiña que se encargará da concellaría de Cultura.
O rexedor, que goberna Lugo dende 1999, insistiu na súa boa sintonía co líder dos socialistas galegos, 'Pachi' Vázquez, e salientou que a súa relación é “extraordinaria” tanto no ámbito político como persoal.