Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Terceira edición

A USC outórgalle ao naturalista David Attenborough o Premio Fonseca

Stephen Hawking e James Lovelock foran os gañadores anteriores do galardón internacional para o recoñecemento da divulgación científica.

Redacción - 13:25 06/04/2010

A televisión fixo de David Attenborough nunha das caras máis coñecidas en todo o mundo no ámbito dos documentais sobre naturaleza. Os seus traballos na BBC, a canle pública británica onde tamén ten desenvolvido responsabilidades de xestión, convertérono en referencia no ámbito da divulgación científica e o prestixio de seu labor tenlle valido diversos recoñecementos en todo o planeta.

Por este motivo, o xurado do III Premio Fonseca, reunido en Santiago de Compostela este martes, comunicou a súa decisión de outorgarlle o galardón internacional este ano a Attenborough, en recoñecemento á repercusión social da súa acción divulgativa. O Premio Fonseca está convocado polo Consorcio de Santiago e a Universidade compostelá, e toma nome en recordo dun dos fundadores da universidade e persoeiro importante no impulso do desenvolvemento de Compostela como foco de riqueza intelectual e científica.

Hawking e Lovelock, gañadores anteriores
Curiosamente é o terceiro británico en levar o galardón, xa que anteriormente o físico Stephen Hawking e o ambientalista James Lovelock, foran os elixidos para o premio nas primeiras edicións. Segundo estabelecen as bases, os candidatos deben acumular unha destacada traxectoria no eido da divulgación científica cara ao público en xeral "ben coa utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación ou ben a través de métodos ou medios innovadores". "Tamén poderá ser obxecto de recoñecemento quen que coa súa actividade supoña un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e/ou o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber", sinalan.

Cunha carreira profesional de arredor de medio século, o gañador desta edición, David Attenborough é unha figura amplamente respectada no ámbito da divulgación audiovisual sobre natureza e historia natural de tal maneira que, por exemplo, existen catro especies de animais e plantas que levan incorporado o seu nome: o dinosauro Attenborosaurus conybeari, o peixe fósil Materpiscis attenboroughi, o equidna Zaglossus attenboroughi e a planta filipina Nepenthes attenboroughii.

O xurado desta terceira edición estivo formado polo reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Denis; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director do Instituto de Medicina Xenómica e Premio Jaume I de Investigación Médica, o catedrático da USC Ángel Carracedo; o director do programa Banda Ancha da Radio galega e da revista Código Cero, Xosé María Fernández Pazos; a profesora da Universidade Politécnica de Cataluña e directora do Programa Nacional ‘Ciencia en Acción’, Rosa María Ros Ferré; e o director técnico da Casa das Ciencias da Coruña, Marcos Pérez Maldonado.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: