O portavoz nacionalista no Congreso, Francisco Jorquera, lembra que os equipos poden custar até 600 euros, e que as pensións son mínimas nestas áreas.
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, presentou unha proposición non de lei demandando ao Ministerio de Industria o estabelecemento con carácter de urxencia dunha liña de axudas para a adquisición de equipos de recepción por satélite nas zonas de sombra da TDT. Nas últimas horas completouse o apagamento analóxico en Galiza.
Jorquera advirte de que os residentes nestas zonas, entre un 2 e un 3% da poboación segundo os cálculos do goberno español, terán que recibir o sinal de televisión por satélite. Neste senso, lembra que a conexión non terá que ser sufragada polo residente mais si o equipo de recepción que, sumado ao receptor, á antena parabólica e á man de obra pode ascender até os 600 euros.
“Este custo -subliña- supón un desembolso moi gravoso para moitas persoas, tendo en conta que unha parte importante dos residentes nestas zonas de sombra teñen pensións mínimas, única fonte de ingresos”.
“Nin a Xunta nin o Ministerio prevén axudas”
Porén, “nin a Xunta nin o Ministerio de Industria habilitaron ningún tipo de axudas, a semellanza do Plano de Actuacións de Apoio a colectivos con risco de exclusión nos Proxectos de Transición da Fase I do Plan Estatal de Transición á TDT”, denuncia Jorquera.
O nacionalista denuncia que se trata dunha “situación inxusta e ilóxica xa que o colectivo de persoas en risco de exclusión é maior nas zonas de sombra da TDT e o custo dos equipos por satélite, e polo tanto o esforzo económico que teñen que facer, é moito maior”.