Polo menos 12 persoas morreron e 23 resultaron feridas en dúas explosións esta cuarta feira pola mañá na cidade de Kizliar.
Lugar das explosións
Polo menos 12 persoas morreron e 23 resultaron feridas en dous ataques esta cuarta feira pola mañá na cidade de Kizliar, en Daguestán (república rusa con ampla autonomía), no Cáucaso do Norte, segundo o último balance ofrecido pola axencia Interfax.
Cando menos unha das explosións foi provocada por un suicida, segundo informa a policía local e as axencias rusas de noticias. A maioría das vítimas son axentes. Entre estas está o xefe da policía local, un membro do comité de instrución da Fiscalía e unha muller.
Ás 8.30 horas, dúas menos en Galiza, un vehículo aparcado a uns 300 metros dos edificios do Ministerio do Interior, do Servizo Federal de Seguridade e dun instituto de educación secundaria fixo explosión ao paso dun coche da policía.
Entre 15 e 20 minutos despois, cando os axentes xa estaban no lugar dos feitos, estourou o segundo artefacto, accionado por outro suicida vestido de policía, segundo informou unha fonte do Ministerio do Interior de Daguestán.
Segundo ataque en dous días
As dúas explosións prodúcense dous días despois do dobre ataque suicida do metro de Moscova. En Daguestán, ao igual que noutros territorios do Cáucaso, viven múltiples etnias, é escenario de enfrontamentos entre rebeldes islamitas e forzas de seguridade. Os ataques son frecuentes.