A homenaxe deste ano recae no fundador da Misión Biolóxica de Galicia, por contribuír á modernización da agricultura do país.
Cruz Gallástegui Unamuno
O investigador Cruz Gallástegui Unamuno recibirá unha homenaxe no terceiro Día do Científico Galego, que promove a Real Academia Galega das Ciencias. A conmemoración terá lugar o 22 de abril, no ano en que se cumpre o 50 cabodano do falecemento de Gallástegui.
O científico lembrado é considerado pai da modernización da agricultura galega a través do seu labor na Misión Biolóxica, da que foi fundador e que dirixiu durante case catro décadas. O recoñecemento chega 25 anos despois de que a RAGC lle rendese homenaxe a Gallástegui, en marzo de 1985.
O Día do Científico Galego celebrouse por primeira vez en 2008 cunha homenaxe a Enrique Vidal Abascal. O ano seguinte a persoa recoñecida foi o xeólogo Isidro Parga Pondal. No acto deste ano volverán participar representantes da comunidade científica e de institucións do país. A RAGC aspira a consolidar a efeméride como unha celebración para toda a sociedade, difundindo a contribución de persoeiros da ciencia galega ao prestixio actual da investigación.
Cruz Gallástegui foi elixido por unanimidade do pleno da RAGC baseándose "na súa importantísima achega á modernización da agricultura galega, no seu labor pionenro en Europa no eido da experimentación cos híbridos do millo e na súa dedicación plena á posta en marcha e consolidación da Misión Biolóxica de Galicia".
Nado en Bergara (Guipúscoa) o 3 de maio de 1891, Gallástegui tivo a súa traxectoria profesional ligada case dende o principio a Galiza, despois do seu período de formación no estranxeiro, inusual na súa época.