Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á primeira hora deste luns

Dúas mulleres suicidas causan a morte de 36 persoas no metro de Moscova

As explosións producíronse en plena hora punta e en apenas un intervalo de 40 minutos. As autoridades atribúen os ataques a "terroristas chechenas".

Redacción - 08:35 29/03/2010

(Actualizada ás 12.00 horas)
Polo menos 36 persoas morreron e 38 resultaron feridas en dous ataques suicidas contra o metro de Moscova, segundo informaron os ministerios do Interior e Urxencias de Rusia.

Dúas mulleres suicidas causaron as explosións, comunicaron o Servizo Federal de Seguridade (FSB, antigo KGB) e o alcalde da cidade, Yuri Syomin. Os restos das dúas autoras foron atopados, segundo confirmaron outras fontes, aínda que ningún grupo reivindicou os ataques.

Con todo, o modo en que se desenvolveu, fixo que as forzas de seguridade apunten a combatentes do Cáucaso, posibelmente de Chechenia, como principais sospeitosos da autoría. Syomin tamén precisou que as suicidas levaban atados aos seus corpos cintos cargados de explosivos.

O fiscal de Moscova, Iouri Siomine, confirmou aos medios de comunicación que os ataques foron perpetrados por kamikazes. Nas súas declaracións, tamén se referiu ao número de mortos aínda que comunicou que non pode confirmar a cifra precisa xa que "é hora de salvar vítimas".

Dúas explosións consecutivas

As explosións producíronse en plena hora punta e en apenas un intervalo de 40 minutos nas estacións de Lubyanka e Park Kultury na liña 1 do metro de Moscova, segundo informan os medios internacionais.

Esa liña do metro cruza de nordés a sudoeste a cidade e é a máis antiga de Moscova. A primeira explosión tivo lugar ás 7.56 horas en Moscova (unha hora menos na Galiza) na estación Lubyanka, e causou polo menos 24 mortos e 17 feridos graves, segundo o último reconto oficial. Na céntrica praza Lubyanka atópase a sede do FSB.

A segunda explosión, que ocorreu na estación Park Kultury ás 8.37 hora local, deixou 12 mortos e 15 feridos. Segundo informou unha portavoz do Ministerio de Urxencia de Moscova, "as explosións ocorreron cando os vagóns estaban nas estacións do metro. Morreron algúns pasaxeiros no vagón e outros na plataforma".

As liñas do metropolitano onde se produciron as explosións pecháronse, o que provocou o caos e o pánico entre os viaxeiros. O director do FSB, Alexandr Bortnikov, informou o presidente ruso, Dmitri Medvédev, sobre as explosións e as medidas que se adoptaron para axudar os feridos.

O tráfico interrompeuse en varias zonas do centro, e as liñas telefónicas así como numerosas webs da internet, víronse colapsadas.

Último atentado en febreiro de 2004

Non é a vez primeira que o metro de Moscova sofre un ataque. O último, o 6 de febreiro de 2004, cando a explosión dunha bomba en plena hora punta na estación de Avtozavodskaya deixou 41 mortos e máis de 100 feridos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: