As sondaxes indican unha perda de apoio ao primeiro ministro italiano, que non dubida en presentar esta cita coas urnas como un referendo ao seu executivo.
Silvio Berlusconi
Non será até 2013 cando os cidadáns poidan pasar outra vez polas urnas a decidir se queren outra dose de Silvio Berlusconi dirixindo os destinos de Italia. Até daquela e a metade de lexislatura, a cita electoral desta fin de semana no país aparece como un posíbel referendo á xestión da dereita neste tempo.
A votación tamén coincide co aniversario do novo partido de Berlusconi, Pobo da Liberdade, que en marzo de 2009 celebra o seu congreso con prognóstico de fortaleza para moito tempo. En xogo non só está a rifa dereita-esquerda, senón tamén o liderado dentro da propia dereita. Á sombra de Berlusconi gaña poder nos últimos tempos Gianfranco Fini, antigo dirixente do ultraconservador Alianza Nacional. Na loita polo poder na dereita abrolla tamén o ministro de Economía, Giulio Tremonti, próximo á Liga Norte, e que sairía reforzado cun ascenso desta formación nas urnas.
Algo máis de corenta millóns de italianos elixirán así presidentes e rexedores de trece rexións, catro provincias e case medio milleiro de municipios. Un período de votación que estará aberto até pasada a mediodía deste luns. Logo de que en 2005 a esquerda saíse triunfante na maioría de rexións, os prognósticos para esta votación chegan máis equilibrados e algúns analistas consideran que o potencial ascenso dos conservadores depende en gran medida da mobilización do electorado de centrodereita logo da suma de escándalos acumulados polo goberno Berlusconi en datas recentes.
Para ampliar: