O arcebispo de Milwaukee alertou en 1996 a Congregación da Doutrina da Fe, dirixida polo actual papa, mais non houbo resposta.
O papa Bieito XVI, Joseph Ratzinger, e outros destacadas autoridades do Vaticano ocultaron o caso do sacerdote de Wisconsin Joseph Murphy que supostamente abusou de polo menos 200 nenos xordos, segundo unha información publicada polo xornal The New York Times do que se fan eco todos os medios internacionais.
Na correspondencia interna, móstrase que a prioridade era protexer a Igrexa de calquera escándalo. O número dous do Vaticano, Tarcisio Bertone, tamén estaría implicado. O arcebispo de Milwaukee alertou en 1996 a Congregación da Doutrina da Fe, dirixida polo actual papa, mais non houbo resposta.
Murphy, que finou dous anos despois, traballara durante 27 anos nunha escola de nenos xordos. Bertone deu instrucións nun principio para iniciar un proceso canónico secreto para afastar o presunto pederasta da Igrexa, mais o proceso detívose definitivamente.
Indulxencia de Ratzinger
De feito, o pai Murphy escribiu unha carta persoal ao cardeal Ratzinger na que lle dicía que era un home maior, que estaba mal de saúde e que só quería vivir os días que lle quedasen con dignidade no seu sacerdocio e solicitaba a indulxencia do prefecto da Fe.
Porén, o portavoz do Vaticano, o pai Federico Lombardi, asegurou que os casos chegaron á Santa Sé en 1996, tempo logo de que as autoridades civís investigasen o caso e o abandonasen.