Argumentando os atrancos a unha solución dialogada, o conselleiro de Presidencia anunciou que o Goberno presentará recurso ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria.
O Consello da Xunta deste xoves formalizará a decisión do executivo de presentar recurso contra o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). O anuncio realizouno este mércores o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, argumentando que a Xunta toma esta decisión logo de esgotar a vía do diálogo e bater cunha posición que o conselleiro cualificou de "antigalega".
A ameaza de dar este paso estaba no primeiro plano desde que a comezos de febreiro o goberno español oficializara o seu recurso de inconstitucionalidade contra a lei de caixas galega. Anteriormente, a Xunta xa esgrimira as súas queixas contra o FROB, advertindo de que invadía competencias do executivo galego e reservándose a posibilidade de presentar recurso no futuro. A saída á luz da nova lei galega de caixas, coa beizón exclusiva de PP e BNG e o rexeitamento do PSdeG, coa intención de axilizar as condicións para a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, precipitou os acontecementos en poucas semanas.
En xogo se é a Xunta ou o Banco de España quen ten a última palabra na fusión
A admisión a trámite por parte do Tribunal Constitucional do recurso presentado por Madrid paralizou a lei aprobada polo Parlamento de Galicia abrindo un agre conflito entre as dúas administracións. Xunta e goberno español negocian desde aquela sen éxito un punto de encontro.
Neste tempo, de xeito especial o BNG insistiulle á Xunta en que xogase á súa vez a carta da presentación de recurso por invasión competencial. Neste sentido, o argumento principal é o furado que o FROB abriría na capacidade de decisión do executivo galego ao respecto das entidades financeiras. En teoría, o FROB permitiríalle ao Banco de España facer presión para que na negociación das hipotéticas fusións as pezas se movan baixo o seu guieiro, sen depender do veto dun goberno autonómico.