Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
TIC só dentro das escolas

Cursar FP por internet, imposíbel en Galiza

Case todas as comunidades dispoñen dunha plataforma web. Mentres, Xesús Vázquez presentou o proxecto ABALAR, que centra as novas tecnoloxías nas aulas.

Redacción - 09:00 24/03/2010
O conselleiro de Educación, na súa comparecencia parlamentaria

O conselleiro de Educación, na súa comparecencia parlamentaria

O Ministerio de Educación presentou este martes o seu novo portal de Formación Profesional a través da internet. A través de diversas ligazóns, permite acceder a este tipo de cursos en liña na súa área de influencia (Ceuta e Melilla) ou nas correspondentes comunidades autónomas con competencias. A case todas... pois en Galiza non existe aínda un servizo a distancia de Formación Profesional.

O noso país, xunto con Euskadi, Navarra e Murcia, non ofrece a posibilidade de cursar eses estudos a través da internet, polo que a web do ministerio liga directamente á páxina de Educación. Mentres, practicamente todos os gobernos do Estado Español ofrecen plataformas en liña máis ou menos completas para obter o título de varias especialidades de Formación Profesional.

Proxecto ABALAR
Esta situación contrasta coa suposta aposta da Consellaría de Educación polas novas tecnoloxías. Así, tamén este martes presentouse o proxecto ABALAR, que pretende implantar as TIC no sistema educativo. O departamento de Xesús Vázquez apostará polo uso do computador, mais dentro das aulas ou destinado exclusivamente ao profesorado. Polo momento, o alumnado non poderá aproveitar as posibilidades de internet para formarse sen necesidade de se ter que desprazar a un determinado centro que oferte os estudos da súa escolla.

O proxecto ABALAR terá un investimento de 12 millóns de euros e distribuirá 15 mil ultraportátiles. Segundo declarou o conselleiro, "queremos unha Galiza preparada para afrontar os grandes retos que as galegas e galegos deste século teñen por vivir nun mundo global e nunha Sociedade da Información”.

Crítica do PSdeG
O PSdeG criticou as axudas do Goberno ás novas tecnoloxías do ensino, que cualificou de "realidade virtual", facendo un xogo de palabas entre "Abalar" e "Avatar". O voceiro de Ensino do Grupo Parlamentario Socialista, Guillermo Meijón, lembrou o bo traballo feito en materia educativa polo anterior executivo e asegurou que as políticas practicadas polos gobernos populares tiveron escasa eficacia, grazas ao incremento dos orzamentos.

Así mesmo, citou o esforzo do Ministerio de Educación co programa Escola 2.0 e asegurou que o proxecto ABALAR responde á actitude do Goberno de "deixar pasar o tempo, co fin de xerar protestas de mal funcionamento, reprogramas e cambiar de nome as actuacións para poder situalas no mercado como propias e realizar grandes anuncios mediáticos de venda do produto". Ademais, denunciou que non observara "liñas de actuación que nos permitan situarnos como bandeira na estratexia dixital que se aveciña", nin conexión co mundo universitario, e que a "desidia do Goberno Feijoo" provocou a perda dun "millón de euros que foron para outra comunidade".


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: